Debate sobre a realidade e o futuro dos montes veciñais

O Congreso Forestal reuniu no Parador de Monforte a expertos, comuneiros e técnicos do sector EC

Dende que un grupo de persoas preocupadas pola situación da superficie forestal da zona decidiu crear hai agora dous anos e medio a Mancomunidade de Montes Veciñais en Man Común Lugo Sur, este colectivo ten incrementado de xeito importante a súa magnitude, agrupando actualmente 29 comunidades forestais. Unha cifra que podería medrar despois do interese amosado por moitos propietarios durante a celebración do primeiro Congreso Forestal Lugo Sur, impulsado pola propia asociación.

Disque a unión fai a forza, e Lugo Sur conseguiu neste tempo dotar dun servizo fiscal e técnico competente a gran parte das comunidades das comarcas de Lemos e Quiroga. O obxectivo é servirlles de apoio, defendelas e asesoralas tanto en aspectos particulares de cada unha como nas problemáticas de base que afectan dun xeito común aos propietarios forestais. Gran parte do apoio que demandan as comunidades está na elaboración dos proxectos de ordenación e de planos técnicos de xestión. A mancomunidade ten, por outro lado, vocación de intermediaria e representante, pero deixando a cada grupo de propietarios total independecia  no funcionamento interno e na toma de decisións.

Debate sobre as problemáticas reais do monte en man común

Estas e outras preocupacións dos propietarios forestais do sur da provincia veñen de porse de manifesto no  proio congreso, un evento que se revelou coma o mellor foro de debate para o sector conseguindo por sobre a mesa diversos aspectos do día a día, pero tamén as problemáticas de fondo dende perspectivas ben diferentes. O encontro, celebrado no Parador foi todo un éxito, segundo valoran dende a Mancomunidade Lugo Sur, e contou coa participación dunhas 90 persoas. Sen dúbida gran parte desa acollida débese a que a idea de atopar un punto de encontro partiu das propias comunidades.

A problemática dos límites, os dereitos cinexéticos e a extracción madeireira parecen ser os temas recurrentes que preocupan aos comuneiros. Neste último aspecto a falta de control sobre a madeira que sae dos montes, os abusos  e esixencias de certas empresas e a falta de colaboración dalgúns concellos convírtense en eivas importantes á hora de sacarlle todo o rendemento ao monte e de facelo dun xeito sustentable. Neste aspecto, a mancomunidade tén levado a cabo conversas coa Xunta, a través da Delegación Territorial, para que se negocien melloras por parte das empresas madeireiras.

Precisamente a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, foi a encargada de inaugurar xunto co alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, o congreso forestal. Durante a súa intervención Arias fixo fincapé  nas SOFOR, a nova figura de xestión forestal que está a fomentar o goberno galego. A delegada  territorial aportou, ademais, datos sobre o escaso aproveitamento dos montes galegos, aos que so se lles estaría a sacar  un rendemento do 52% das posibilidades reais e sustentables dos recursos madeireiros.

Novos usos: a Biomasa

Non podía escapar ao interese dos asistentes un tema  de acualidade e que xerou gran debate como é a biomasa como alternativa no aproveitamento dos recursos forestais en consoancia cos novos xeitos de xerar enerxía. Para mostra, o avanzado proxecto que Norvento ten previsto acometer na Pobra do Brollón e que grazas a un acordo co colectivo forestal de Lugo Sur, as comunidades asociadas veranse beneficiadas pola actividade da planta unha vez entre en funcionamento.

No encontro participaron unha vintena de ponentes do ámbito universitario, empresarial e institucional, aos que a directiva da mancomunidade, presidida por Juan Ramón Méndez Quiroga, amosou o seu agradecemento, destacando a colaboración da Xunta, o Concello de Monforte e a Deputación Provincial. Tamén se amosaron moi satisfeitos co traballo levado a cabo coa asesoría monfortina Cofisla, encargada ademáis da xestión económica das comunidades grazas a un acordo coa mancomunidade que aforra estes custes aos propietarios. Os responsables da asociación estudan agora a posibilidade de editar un libro que recolla os aspectos e conclusións deste congreso.

A formación, obxectivo prioritario

Entre as estratexias que máis sentido confiren á mancomunidade está a súa laboura formativa a través do desenvolvemento continuo de cursos que teñen unha importante acollida nas propias comunidades de montes veciñais en man común. Os cursos céntranse fundamentalmente na temática da xestión, a fiscalidade, os servizos de prevención de lumes, as axudas europeas ou o tratamento de masas arboradas. Coa tarefa formativa, a mancomunidade trata de dar cumprimento ao obxectivo de facilitar coñecementos a nivel técnico e administrativo aos comuneiros, que moitas veces descoñecen o funcionamento e sobre todo as posibilidade do seu propio monte.

Espallar a cultura forestal

Os técnicos do colectivo falan da necesidade de darlles máis capacidade de autoxestión as comunidades, que en moitos casos sofren importantes carencias e  incluso se fai preciso ordenalas dende o principio. Fomentar a cultura forestal entre o conxunto dos propietarios que en moitas ocasións viven alleos e de costas ao seu monte é  misión prioritaria, sinalan, para incrementar a produtividade da superficie forestal. A medida que as comunidades comezan a unirse e tomar conciencia do monte, detéctanse os avances, salientan dende a Mancomunidade, dende onde dirixen o tirón de orellas á despreocupación histórica dos concellos e aos baixos prezos da madeira. Por último, as reivindicacións pasan tamén por unha contraprestación dos tecores e unha  maior regulación polos dereitos cinexéticos sobre a superficie forestal.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Julia Otero, monfortina de pro entrevistada en El Hormiguero

Seguinte Nova

Monforte acolleu un obradoiro gratuito sobre enoturismo

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

     
A %d blogueros les gusta esto: