Durante a visita ás instalacións dunha explotación gandeira no Concello de Taboada, Feijóo afirmou que a Xunta -cun investimento de 100 millóns de euros- traballará para cumprir o obxectivo da Axenda Dixital 2014. “Imos a seguir levando internet onde non existe; a conquerir que o 100% das explotacións gandeiras, dos colexios públicos, das empresas, dos polígonos, etc. con independencia da súa localización, teñan acceso a internet e que, por fin, as infraestruturas do século vinteún cheguen a Galicia a tempo”.
O presidente da Xunta afirmou o pasado venres 26 de novembro neste municipio da comarca chantadina que grazas ao Plan de Banda Larga, que fora presentado en Lugo hai un ano, 250.000 galegos máis terán acceso a internet a finais deste ano. O titular da Xunta afirmou que cando empezou este proxecto, fai oito meses, 750.000 galegos non tiñan acceso a internet e, hoxe, “podemos concretar que, a finais deste ano 2010, o 72% da poboación galega terá acceso a internet e a finais de 2011, o 82% dos galegos; e así iremos avanzando ata chegar ao 100% da poboación galega no 2014”.

Feijóo subliñou a importancia de internet no rural, “clave –incidiu- para que calquera gandeiro poda realizar todos os trámites que precise sen saír da explotación; poda ter unha oficina virtual 24 horas, 365 días ao ano, para ter toda a información dispoñible e ter a posibilidade de tramitar todo o que necesite coa administración autonómica”.
No tocante á provincia de Lugo, o titular da Xunta destacou que “hai 35.000 lucenses que teñen internet e que antes non tiñan”, o que significa que “estamos dando acceso a internet a 1.700 núcleos de poboación que antes non o tiñan. Estamos actuando onde máis se necesita, na Galicia do interior, na Galicia agrícola para que podan traballar con máis ferramentas e con máis utilidade”.