Dende a Deputación califícano como a maior operación para a xeración de emprego na comarca de Lemos nos últimos vinte anos. Suplusa aprobaba por unanimidade nos pasados días un convenio de colaboración coa empresa Pacadar para que poida por fin instalar unha planta en Monforte.
Agora agárdase que o organismo provincial asine o convenio coa empresa nos vindeiros días en Monforte prevendo a creación de arredor dun cento de empregos.
A empresa
Trátase dunha firma decana no mundo da fabricación de pezas de formigón, que leva máis de 50 anos ó servizo de todos os sectores da construción. Na actualidade, posúe 6 fábricas, as de maior lonxitude na industria española e cos parques de almacenamento máis extensos, que se atopan estratexicamente afincadas en Madrid, Barcelona, Valencia, Toledo e Sevilla. A infraestrutura lucense atenderá as necesidades do mercado en Galicia, Asturias, no oeste de Castela e León, e no norte de Portugal.
Pacadar constituíuse no ano 1944 e proxecta e prefabrica as pezas máis difíciles e complexas de formigón tanto para obra civil como para edificación no país. Foi pioneira en España na realización de vigas pretensadas, de taboleiros con vigas prefabricadas para a construción da Ponte de Anoeta, ou do edificio en altura con núcleos ríxidos. Ademais, tamén foi a primeira entidade en elaborar no país un programa de naves industriais prefabricadas, e outros de pasarelas peonís tamén con vigas prefabricadas.
Valoracións
Para o presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, “trátase dun proxecto de enorme envergadura que logramos situar en Lugo ó ofrecer un prezo competitivo na adquisición de terreos. Con esta iniciativa xeramos riqueza na provincia , mellorando a competitividade da zona sur da provincia, e combatendo deste xeito o despoboamento demográfico”. Gómez Besteiro non perdeu a oportunidade de lembrar outra das actuacións empresariais desta institución nesta área xeográfica coa adecuación dos accesos ao polígono do Reboredo cun investimento de preto de 600.000 euros.
Situación a carón do polígono
Suplusa dará cumprimento ao seu cometido xestionando o proxecto de asentamento de Pacadar. Encargarase da súa redacción; da adquisición e expropiación, -no caso de que fose necesario-, de 100.000 metros cadrados de terreo na zona colindante ao Reboredo; así como da dotación de servizos urbanísticos e exteriores tales como a conexión de enerxía eléctrica, ou o abastecemento e saneamento de auga. Os trámites administrativos e a súa axilidade agora dependen da prioridade que lle dean dende Concello e Xunta.
Dende Monforte
Antes de que o organismo provincial confirmara tal punto, o diputado monfortino José Tomé anunciaba nun encontro cos medios esta nova. Segundo os seus prazos, a fábrica debería funcionar no prazo dun ano.
Tomé Roca agradecía ao máximo mandatario provincial a implicación neste obxectivo, que, no seu criterio, será un revulsivo para a economía de Monforte, tendo en conta a desisindustrialización dos últimos anos e que esta sería a primeira grande empresa que se instala nos últimos 35.
O deputado socialista, acompañado polos concelleiros Guillermo Rodríguez, Sandra Álvarez Manuel Bande, e por outros membros do partido lembrou as negociacións levadas a cabo dende hai anos para conseguir a instalación desta planta na comarca de Lemos e calificouna como unha importante nova para todos os veciños. Tomé falou de que se trata dun “compromiso” que tiña co municipio. O deputado anunciara estas negociacións xa antes dos anteriores comicios, e a noticia facíase agardar demasiado para algúns, pero chega, segundo recalcou Tomé despois de que triunfaran as negociacións entre Pacadar e a Deputación.
Pacadar, segundo conformou Tomé e a Deputación, daría emprego a un dento de persoas que na súa maioría terían postos estables. A empresa, do grupo Villar Mir, daría cobertura dende Monforte a todo o noroeste peninsular.
Tomé falou de material para obra da mesma empresa e para trasladar a outras do sector que non conten con fabricación de materiais de formigón.