O Concello de Monforte contará para estes días cun gran espectáculo de maxia, cabalgata de reis e varios concursos

Ao igual que os demais Concellos, o de Monforte conta tamén para estas datas con numerosas actividades. A primeira delas é o certame de poesía infantil da Biblioteca Municipal, no que poden participar todos os nenos de ata 16 anos repartidos en tres categorías: ata 8 anos, de 9 a 11 anos, e de 12 a 16 anos. O prazo para entregar os traballos rematou onte, mentres que o fallo do xurado local farase público na primeira quincena de xaneiro. Ademais, os traballos premiados nesta fase local participarán na fase provincial do Certame, convocado pola Biblioteca Pública Provincial de Lugo, co patrocinio da Conselleria de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia.

Outra das actividades, será o Día da Maxia. I é que dentro do Nadal Máxico, o domingo día 2 de xaneiro celebrarase o V Circuíto Galego de Maxia no edificio multiusos. Nesta ocasión grandes e pequenos poderán gozar de xeito gratuíto cun espectáculo no que participarán os magos Romarís, Antón, Richard, Pablo e Kiko Pastur. Esta actividade está organizada pola Delegación de Cultura do Concello de Monforte de Lemos, a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia e a asociación Magos Profesionais de Galicia. E como non, o vindeiro 5 de xaneiro, de novo as rúas de Monforte encheranse de ilusión coa visita á cidade dos Reis Magos. As súas Maxestades de Oriente chegarán a Estación do Ferrocarril no tren real ás cinco e media da tarde. A comitiva real, integrada por catro carrozas cos reis e paxes, formados por alumnos de 6º de primaria dos centros de ensino da cidade, a Banda de Gaitas e a Banda Municipal de Música de Monforte de Lemos, mais outros grupos musicais, farán un percorrido ás seis da tarde. Este será dende a Praza da Estación, polas rúas Calvo Sotelo, Roberto Baamonde, Cardeal e a Avda. de Galicia, finalizando no Campo de Santo Antonio ante o Concello, onde os Reis Magos serán recibidos polo alcalde e as demais autoridades. A continuación as súas maxestades lerán o discurso de reis dende os balcóns do consistorio, finalizando a súa visita recibindo aos nenos e nenas no Salón de Plenos da Casa do Concello.

Xa por último, o sábado 8 de xaneiro a partir das oito da tarde, no Salón de Actos da Casa da Cultura terá lugar o Concerto de Nadal da Rondalla Ben Feita. Dirixida por José Antonio Fernández Vázquez, esta formación do barrio monfortino da Estación deleitará aos presentes coa súa actuación.

E como non, xa foron anunciados tamén os premios do concurso de Beléns para centros de ensino que organiza todos os anos o Concello de Monforte. Neste caso, houbo un premio especial para o Colexio dos Escolapios, mentres que o primeiro premio foi para a Gardería Municipal Santa Genma, o segundo premio para o Colexio Infanta Elena, o terceiro para o Colexio Novo,  e dous accésits para o Colexio A Gándara e o Colexio Ferroviario.

Pola súa parte, con motivo das festas de Nadal e do seu 30 Aniversario, a Asociación PRODEME organizou onte unha serie de actividades. En primeiro lugar, ás catro da tarde celebrouse unha reunión da xunta directiva e posterior asamblea xeral nas mesmas instalación da asociación. Xa pola tarde tiveron lugar varias actuacións de animación e música, para rematar a xornada cunha cea ás nove e media da noite na que estiveron presentes usuarios, Xunta Directiva, traballadores e voluntarios. O punto final chegou da man dun grupo de música encargado de ofrecer un concerto ás once e media, e outra actuación musical ás doce e media da noite. O programa enmarcouse dentro das actividades que a Asociación ven desenvolvendo durante este último trimestre para conmemorar o 30º Aniversario da súa constitución.

Asimesmo, a Escola Oficial de Idiomas de Monforte celebrou tamén onte o seu festival de nadal cun concurso de repostería como prato forte. Deste xeito, de cinco a seis e media recibíronse as tartas. Máis tarde, o xurado degustou e valorou os postres para escoller os tres mellores. Outra das actividades foi a proxección duns cortos dun conto de nadal nas distintas linguas que se imparten no centro, e tamén a actuación da coral Renfe, que cantou numerosas panxoliñas e cancións. Na escola de idiomas tamén organizaron un concurso de postais de Nadal, do que resultou gañadora a alumna María Teresa Rodríguez Elizalde de Básico 2 de Inglés.

As rúas da cidade xa están engalanadas para dar paso os actos de Nadal en diferentes lugares da vila. EC

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Gañadores doVII Certame Escolar Conde de Lemos

Seguinte Nova

Campaña de Nadal en Sarria. O Centro Comercial Urbano aposta polo sorteo de tres vales de compra para despois de reis

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: