O pasado día 18 a Asociación Veciñal do Saviñao reunía a unhas 40 persoas na súa asemblea xeral ordinaria que serviu de repaso de todas as iniciativas impulsadas e tratadas deica o momento e das contas propias. Entre os aspectos arredor dos que se acadaron avances, sinala a directiva encabezada por Manuel Sarmiento, está o feito de que en vindeiras datas iniciarase o desbroce da rota de sendeirismo presentada por esta asociación e que transcorre entre os concellos do Saviñao e Pantón.
Plan de protección para o espazo natural da Devesa
Por outra banda, tamén se lembrou a consecución dunha plataforma para o niño das cigoñas e a presentación dun plan de protección para o emblemático espazo natural da Devesa. Pero ademais de balance, a reunión celebrouse para centrar o futuro inmediato, pensando, segundo indicaron dende a directiva, en “continuar cos labores de resposta aos problemas que xurden a cotío no concello” ou manter relación coa Plataforma en Defensa da Sanidade Pública en aras da preocupación pola situación sanitaria da comarca. Asimesmo, o colectivo acordou prestar atención ao Plan Hidrolóxico da Confederación Hidrográfica, e as intencións de instalar unha minicentral no Sardiñeira, algo que xa foi rexeitado pola corporación municipal.
Instalación da rede Wimax e vixianza do plano urbanístico
A instalación da rede Wimax e a vixianza do plano urbanístico son xunto a novas ideas como a organización dun concurso de tapas e a continuación da recuperación dos tradicionais xoves de comadres e compadres iniciada na pasada tempada parte da axenda máis inmediata.