Con motivo das próximas festas do Nadal, e seguindo coa tradición de anos anteriores, a concellería de Cultura de Pantón vai organizar unha edición máis o seu concurso de Beléns. Nel poderán participar todos os veciños do concello, tanto a nivel individual como colectivo. É dicir: familias, parroquias, asociacións, etc.
Para inscribirse poderán facelo chamando por teléfono ao número 982.45.63.77, ou ben persoalmente nas oficinas do Edificio Sociocultural, antes do vindeiro 31 de decembro.
Para os gañadores, neste caso elixidos ben sexa pola calidade das súas pezas ou pola súa orixinalidade, haberá distintos premios que se darán a coñecer ao remate da festa de Nadal, no recibimento das súas maxestades os Reis Magos de Oriente, un acto que terá lugar o próximo 2 de xaneiro pola tarde.
Concurso de postais
Por outro lado, este ano tamén se organizará un novo concurso de postais, no que poderán inscribirse todos os nenos e nenas do municipio enviando ou entregando os seus traballos nas oficinas do Edificio Sociocultural antes de que remate o ano.
Ao igual que no concurso anterior, neste caso tamén haberá premios para os gañadores, que tamén serán entregados o día 2 de xaneiro.
Certame de panxoliñas
Dentro da progamación cultural de Nadal do Concello de Pantón é de destacar tamén a segunda edición do Certame de Panxoliñas, que tivo lugar o pasado domingo día 19 ás cinco da tarde no Mosteiro Cisterciense de Ferreira.
No incomparable marco da Igrexa do Mosteiro do Divino Salvador de Ferreira actuaron os integrantes da Escola Municipal de Música do Concello de Bóveda, os alumnos de música do Colexio Monte Baliño e os integrantes da Escola Municipal de Música do Concello de Pantón. Grupos musicais de nenos que entonaron unha panxoliña tras outras para o delite de todos os presentes.