Con pequenos xestos pódese aforrar moito” é a reflexión que presidiu a presentación do novo Plan Renove de Equipos de Iluminación Interior o pasado 19 de xaneiro. Esta liña de axudas que pon en marcha a Consellería de Economía e Industria a través do Inega busca acadar un aforro de 13,2 millóns de euros anuais no total de fogares galegos con tan só cambiar unha lámpada tradicional por outra de baixo consumo. O director do Inega, Eliseo Diéguez García, recordou na súa exposición introductoria á posta en marcha deste Plan Renove que a potenciación do aforro e da eficiencia enerxética segue a ser para a Xunta “un campo de acción prioritario”, e destacou a necesidade de imprimir na cidadanía “unha conciencia solidaria do aforro e a eficiencia enerxética” a través deste tipo de estratexias, sobre todo “no escenario económico actual e coa recente suba da luz”.
O Inega estima un investimento asociado superior aos 2 millóns de euros
O Plan Renove de Equipos de Iluminación Interior conta cun orzamento de 493.409 euros, destinado a mellorar a eficiencia enerxética a través da renovación das instalacións lumínicas existentes por outras máis eficientes, para reducir o consumo de enerxía. Segundo Diéguez García, este Plan xerará un investimento asociado de aproximadamente 2 millóns de euros, un aforro de enerxía primaria eléctrica de máis de un millón de kilowatios ó ano, e implicará unha redución nas emisións á atmósfera de máis de 180 toneladas de CO2. As previsións dos responsables desta liña de axudas apuntan a que máis de 350 vivendas e edificios do sector terciario se beneficiarán destas melloras.
Prazos para presentar as solicitudes
Esta campaña, que estreouse o 20 de xaneiro, rematará o 30 de xullo deste ano, ou cando se esgoten os fondos correspondentes. Os interesados en beneficiarse desta liña de axudas poderán solicitalas a partir do 6 de abril.
Qué se subvenciona
Este novo Plan presentado polo Inega subvenciona a substitución de luminarias, lámpadas ou reactancias existentes por outras de maior rendemento, lámpadas de maior eficiencia e reactancias electrónicas regulables, sempre que permitan reducir a potencia instalada en iluminación (polo menos nun 30%), cumprindo os requerimentos de calidade e confort visual regulamentarios. O Plan Renove tamén contempla a instalación de sistemas de control por presenza e a regulación do nivel de iluminación segundo aporte de luz natural, axustándose ás necesidades do usuario, e sempre que permitan conseguir un aforro enerxético dun mínimo do 20% anual respecto ás instalacións sen control ou regulación. Calquera tipo de acción que pretenda ser subvencionable deberá supoñer un investimento mínimo de 500 euros. Contías da subvención e procedemento para solicitalas Segundo explicou o director do Inega, Eliseo Diéguez, o procedemento para formalizar as solicitudes ven sendo o habitual nas liñas de axudas que regularmente convoca este organismo. O comprador diríxese a un instalador previamente adherido ó Plan, adquire os materiais, o instalador realiza a solicitude telemática dos fondos na web do Inega, para obter a documentación que o comprador deberá asinar. Nos 60 días naturais tras este trámite, deberase realizar a instalación, cobrar o importe da factura co desconto da axuda, e remitir a documentación ó Inega para o cobro da subvención. Poderán acollerse a esta subvención as comunidades de veciños, persoas físicas ou xurídicas de dereito público ou privado, sempre que a actuación subvencionable se realice en inmobles, edificios de vivendas ou edificios do sector terciario.