O vicepresidente da Deputación, Antón Bao, anunciaba nos pasados días durante a habitual rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno da Deputación, que ven de aprobarse o expediente de contratación da obra da piscina cuberta de Sarria. Trátase dunha agardada obra, unha vella demanda cidadá que conseguiu colarse no Plan Extraordinario de Obra Pública da anualidade 2010 que aprobou a Deputación. Aprobouse o prego de cláusulas administrativas particulares e o proxecto técnico, que se atopa actualmente rematando a fase de información pública e que se pode consultar na páxina web do Concello de Sarria. Tras este periodo de exposición, se non se rexistran reclamacións, quedaría definitivamente aprobado para escomezar o trámite de contratación e o procedemento de adxudicación.
Orzamento e prazos
O montante total da construción desta piscina cuberta é de 1.725.000 euros, dos cales a Área de Deporte do organismo provincial aporta 1.457.000, e o concello de Sarria 268.000 euros. O vicepresidente do ente provincial, Antón Bao, afirmou que “con este paso, a Área de Deporte da Deputación cumpre o compromiso que adquirira co concello de Sarria para a construción da piscina, que no prazo previsto de pouco máis dun ano se vai converter nunha realidade”.
Dotación de instalacións nos municipios para fomento do deporte base
Antón Bao manifestou que, a Área de Deporte continúa deste xeito cumprindo un dos obxectivos que se marcara ao comezo, como é dotar a todas as comarcas e todos os concellos das instalacións necesarias para a práctica do deporte. O vicepresidente insistiu en que a existencia de instalacións axeitadas é unha condición necesaria para poder fomentar e impulsar o deporte de base en todas as comarcas.