
Á espera do respaldo oficial dos afiliados, José Tomé, candidato socialista ás municipais en Monforte, mantivo fai unhas semanas unha reunión previa cos seus compañeiros de partido para poñelos ao día sobre a futura instalación da fábrica de Pacadar no concello. En dita asamblea tamén se trataron outros temas, como foi por exemplo a análise da situación política actual da cidade do Cabe. Neste senso, Tomé explicou que o que se fixo foi “unha análise do traballo que se está facendo dende o Concello, e das cuestións que aos socialistas lles gustaría que se fixeran e que aínda non se levaron a cabo”. “Tamén fixemos un percorrido polas obras concretas que se realizaron cando nós formamos parte do goberno municipal fai catro anos, e por outro lado tamén o que se está facendo dende o goberno de España a través do Plan E, as obras que financia o Ministerio de Fomento, e a Deputación que preside o socialista Gómez Besteiro”, engadiu José Tomé. I é que para o secretario xeral do PSOE monfortino, se a esta cidade se lle quitara o que percibe do Plan E, “aquí non habería outro logro nin outra consecución, falando así de decisións do goberno e non de xestións do alcalde”. Aparte disto, na reunión tamén se analizou a composición da actual corporación municipal, como está a situación para os candidatos de cara as próximas eleccións, e o que aos socialistas lles parece que vai ocorrer.