O arranxo integral do pavillón polideportivo de A Pobra do Brollón é unha obra capital para o municipio. Así o sostén o alcalde, José Luis Maceda, que define ao pavillón, cos traballos a piques de ser rematados, coma “unha infraestrutura multiusos que vai servir para máis actividades cás deportivas”.
Nestas obras investíronse uns 480.000 euros aportados integramente pola Vicepresidencia primeira da Deputación, e destináronse a unha rehabilitación completa. Maceda amósase moi orgulloso desta actuación, que vén a paliar a ausencia total dun lugar cuberto para a práctica do deporte porque o seu estado era ruinoso, e comenta que isto demostra que “ás veces con poucos cartos pódense facer boas obras”.
Pavillón aberto a todos
O pavillón, servirá para o uso escolar, o uso social e estará a disposición das entidades deportivas do municipio, ao tempo que albergará actividades como as que xa se están a desenvolver, entre elas a ximnasia para os maiores. Pero a súa característica distintiva é a apertura á totalidade da comarca. Segundo anunciou o goberno local, o pavillón estará dispoñible para as entidades deportivas da comarca que soliciten o seu uso, e estudarase o establecemento dunhas tasas por este servizo. O acondicionamento do pavillón responde a unha vella demanda e a unha necesidadade moi real, tendo en conta que A Pobra é un dos poucos concellos que carecían dun centro deste tipo en condicións de uso.
Por outra parte, esta actuación ten unha doble finalidade vinculada ao aforro enerxético, xa que a instalación paralela de placas fotovoltaicas na cuberta, permitirá subministrar enerxía, grazas ao finanzamento de Agader, ás edificións que se ubican na zona. É o caso do colexio e o centro de día, así como parte da propia rúa, que aproveirarán xunto co propio pavillón.