O alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, e o concelleiro de Medio Ambiente, Antonino Luaces, presentaron a comezos do mes de febreiro as obras de mellora do parque infantil de Santiago.
Obras en todos os parques
Segundo afirmou o alcalde, “con esta actuación dase continuidade á mellora dos parques infantís que se iniciou no da Pinguela e que proseguirá nos de Carude, López Suárez, rúa Chantada e Compañía, xunto coa construción do da Florida”. Severino Rodríguez tamén anunciou que a próxima intervención levarase a cabo no parque infantil da Ronda, xunto ao paso a nivel de Rioseco, e que coa mesma “rematará o acondicionamento de todos os parques infantís da cidade”. O custe das obras no parque de Santiago ascende á cifra de 15.475 euros, que veñen dados grazas a unha subvención da Vicepresidencia Terceira da Deputación. Pola súa parte, o concelleiro de Medio Ambiente comentou que “en primeiro lugar efectuarase un rebaixe de terra para poder botar unha planchada de formigón, despois sobre o formigón instalarase caucho na zona onde están os xogos infantís, e céspede artificial no resto do pavimento”. Asimesmo, substituirase o valado actual de madeira que rodea o parque por outro novo.
Severino Rodríguez quixo destacar por último o esforzo realizado pola concellería de Medio Ambiente para poder afrontar estas obras.