
Os concellos de Ribas do Sil e O Saviñao asinaron a pasada semana os convenios de adhesión para a construcción das únicas dúas residencias e centros de día que a Deputación construirá na zona sur. Ademáis de dar cumprimento a alta demanda deste tipo de servizo social dada a numerosa poboación maior da zona, concíbese coma unha estratexia máis de cooperación cos Concellos e de creación de emprego. Tal e como salientou o presidente provincial José Ramón Gómez Besteiro “é momento de substituír o concepto de austeridade empobrecedora por austeridade enriquecedora onde sexamos capaces de aforrar, e de dicirlle ós veciños en que investimos cada euro que aforramos”. Con estas residencias crearanse arredor de 120 empregos en toda a provincia co levantamento dun total de 10 centros. Suplusa é a entidade que construirá estas infraestruturas, con capacidade en cada caso para 26 persoas. Segundo as directrices da Lei de Servizos Sociais de Galicia, é obrigatorio contratar a un mínimo de coidadores por número de prazas, así como un médico e un ATS que presten atención as 24 horas do día. Tendo en conta a capacidade destas 10 primeiras residencias e centros de día, a Deputación dará traballo ao redor de 120 coidadores, contratando tamén a persoal auxiliar, administrativo, de cociña e de limpeza. Tanto Ribas do Sil coma O Saviñao contan con informes técnicos que detectan a necesidade destes centros, sendo localidades altamente envellecidas e con gran perda de habitantes. Agora estes municipios debe achegar os terreos para escomezar en marzo coa licitación das obras. A Deputación inviste 12 millóns de euros na construción destas infraestruturas, e os concellos, ademáis dos terreos, contribúen con 200.000 euros, o 14% do orzamento Na actualidade, a Xunta ten residencias en Burela, Castro de Rei, Monforte de Lemos e Quiroga. A maiores, subvenciona prazas en centros privados de Chantada, Guntín, O Incio, Lugo, Láncara, Monforte de Lemos, Pastoriza, Sober, O Valadouro, Vilalba e Xove. Mentres, A Fonsagrada, Becerreá e Foz esperan que o goberno galego poña en marcha proxectos similares despois dos compromisos establecidos. Ribas do Sil carece de infraestruturas deste tipo. Pola contra, O Saviñao conta con pisos tutelados construídos polo concello, pero que carecen de prazas públicas, alomenos polo momento, un feito que ten xerado certo malestar en varios sectores.