Sarria reforzará a promoción turística on line con vídeos artesanais

Promoción da Sarria xacobea na web municipal. EC

Demostrado queda que o turismo é un dos factores máis importantes naqueles concellos que poden explotar a súa historia e ubicación. Sarria é un destes exemplos, recentemente declarado Municipio de Interese Turístico. E por se isto fora pouco, dende o Concello levan tempo traballando nunha idea máis que revolucionaria. Trátase de explicar e difundir os atractivos do lugar a través de vídeos promocionais do seu entorno que máis tarde serán colgados na plataforma de internet YouTube. Deste xeito, os propios veciños poden transmitir a visitantes e curiosos de todo o mundo o patrimonio co que conta Sarria, a súa gastronomía, as paisaxes e, como non, a parte do Camiño de Santiago que atravesa esta zona.

Posibilidade de enriquecer a imaxe de Sarria no exterior con vídeos de particulares

David Ares, técnico informático do Concello de Sarria, explica así a iniciativa: “Levamos moito tempo traballando neste tema e aínda non está previsto que comece a funcionar en breve, pero a intención é a de crear unha plataforma na que o propio usuario poida engadir un enlace de YouTube dun vídeo que teóricamente foi subido por alguén; pero no noso caso a plataforma tamén ofrecerá a posibilidade de subir vídeos sen que previamente se enlazasen con YouTube; é dicir, o noso propio servidor, vídeos grabados coa cámara dun peregrino ou de calquer outra persoa. A maiores de todo isto, tamén se poderán comentar os vídeos”. Unha das novidades que ofrece este proxecto é que se está a elaborar sen rexistro de usuarios, “simplemente cunha opción para engadir vídeo, que previamente foi autorizado polo administrador”, engadiu o técnico municipal.

Fomento do uso das novas tecnoloxías para os veciños de Sarria

Para todo isto, dende o Concello está previsto solicitar axuda á Fundación TIC, organismo da Deputación de Lugo, para a parte técnica, e a colaboración dos veciños para que transmitan nos vídeos as súas impresións. Con esta iniciativa foméntanse ao mesmo tempo o uso das novas tecnoloxías, unha actividade que noutros municipios xa está en marcha. “Noutras webs de outros Concellos sabemos que está funcionando ben, así que pensamos que aquí tamén poderíamos poñelo en práctica, aínda que a día de hoxe teñamos o tema un pouco parado”, sinalou David Ares.

Máis de 125.000 visitas á web de Sarria no 2010

As expectativas en principio son boas, i é que a páxina web do concello sarriano recibiu durante o ano pasado preto de 125.000 visitas. Segundo explicaron, o 60% dos usuarios accederon a ela a través de motores de búsqueda, case o 25% entraron de forma directa e o resto accederon á mesma a través de enlaces situados noutras páxinas. Con estes datos queda demostrado que as novas tecnoloxías son máis que útiles á hora de difundir os principais atractivos turísticos dun municipio, pero tamén á hora de dar a coñecer as últimas novas do Concello. Neste senso, a páxina web de Sarria xa conta con varias opcións, unha delas a de acceder ós eventos ou noticias máis recentes. Co tempo tamén está previsto realizar algúns cambios para introducir máis fotos do entorno. Dentro deste proxecto innovador hai que destacar a importancia da súa posta en práctica, i é que segundo os datos municipais, os asuntos relacionados con Sarria suscitaron grande interese non só no resto de Galicia e noutras comunidades, senon tamén no extranxeiro, de tal forma que máis de 70 entradas á páxina web foron realizadas dende outros países. O motivo semella estar na importancia que ten Sarria dentro do Camiño de Santiago, xa que das 125.000 visitas, máis de 90.000 pertencen a distintos puntos de España. De preto séguenlles Alemaña e Francia, despois Italia, Estados Unidos, Portugal e Arxentina; e finalmente Gran Bretaña, Suíza e México.

Balance do Xacobeo

Uns 200.000 peregrinos durante o 2010

Segundo informou a concelleira de Turismo de Sarria, Paula Vázquez, durante o 2010, que foi ano Xacobeo, as visitas ao municipio rondaron as 200.000. “As estadísticas que nós barallamos son as da oficina de peregrinación de Santiago porque nós non temos estadísticas propias, pero fálase de 200.000 persoas, das cales un 25% comezou o Camiño en Sarria. E hai que ter en conta que se trata dunha cifra que vai en aumento”, explicou a concelleira. Paula Vázquez tamén indicou que aínda que Sarria foi declarado Municipio de Interese Turístico, isto non afectou ao número de visitantes. “Non tivo nada que ver co Camiño nin repercusión algunha; pero aínda así houbo máis xente que todos os anos. Viuse un pico de afluencia que hai en todos os anos xacobeos e que se mantivo estable, e que foi bo no aspecto económico, sobre todo na época estival”. Por outra parte, as preguntas máis frecuentes dos peregrinos na oficina de Turismo de Sarria foron do máis variado. “O turismo do Camiño é un pouco específico, especial e, sobre todo, diferente ao resto de turismo. A pregunta habitual é polo aloxamento, pero de aí ata calquera outra cousa que te podas imaxinar: polo aluguer de vehículos, billetes de avión, onde comprar zapatos e ata buscar perruquerías”, sinalou Vázquez. Finalmente, a responsable municipal de Turismo afirmou que para este ano, pese a que é moi difícil facer aproximacións sobre o Camiño, estadísticamente sempre se produce un incremento no ano anterior e ao ano seguinte do Xacobeo, polo que todas as previsións semellan apuntar a que durante o 2011 terá lugar ese aumento dentro do ámbito turístico. Malia esta previsión, dende mediados de novembro e ata Semana Santa, a oficina de Turismo permanecerá pechada.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O Padroado de Turismo de Lugo, Lugosur, Camiño de Inverno e Consorcio Turístico da Ribeira Sacra fan balance

Seguinte Nova

Aberto o centro de asesoramento empresarial da provincia

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: