• O presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, xunto ao Alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, e outros membros do Concello e tamén da oposición, foron os encargados de supervisar as obras de mellora que está a executar o organismo provincial na CP 3205, ao seu paso pola cidade do Cabe. Trátase da estrada que dá acceso ao polígono industrial do municipio, na que a Deputación investiu xa 573.000 euros dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública; un plan co que se pretendía reducir os efectos da crise na provincia de Lugo. Pola súa parte, Gómez Besteiro quixo salientar que a Deputación foi a única administración que aumentou a licitación de obra pública o ano pasado en Lugo. “Por exemplo, nesta obra vai haber traballando 12 persoas nos vindeiros días, ademais de gañar dous metros de ancho de calzada e de beneficiar aos empresarios e aos máis de 100 empregados das 20 empresas asentadas neste polígono industrial”, engadiu. É preciso destacar que con estas actuacións e o Lugo Emprega, o organismo provincial logra que máis de 40 persoas atopen traballo no termo municipal de Monforte.
Actuacións
Entre as actuacións que o organismo provincial esta a levar a cabo nun treito de 1,5 quilómetros desta estrada, atópanse algunhas como o afirmado e aglomerado en quente de sete centímetros de espesor, o incremento de dous metros no ancho da calzada; ensanche, reapertura e drenaxe profundo de cunetas; sinalización horizontal e vertical; e colocación de ollos de gato. Tamén hai que lembrar que a Deputación contratou a 12 persoas do sector da construción, tales como enxeñeiros, capataces, maquinistas, peóns, etc, para acometer ditas actuacións nun prazo de seis meses. Con isto, os recén contratados engádense ás trinta persoas que deixarán de estar en paro a partires do mes de marzo grazas ao Lugo Emprega. Finalmente, o alcalde de Monforte destacou que o polígono sempre careceu dun acceso importante. “Así, queremos agradecerlle ao presidente da Deputación o cumprimento con esta obra, unha vella aspiración dos empresarios”, concluiu.