Comezan as obras de ampliación do polígono de Chantada

O presidente da Deputación provincial, José Ramón Gómez Besteiro, na súa visita aos terreos do polígono

Cun orzamento de 2.830.000 euros, esta iniciativa liderada polo Suplusa dará emprego a 80 persoas

•O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e o alcalde de Chantada, Manuel Anxo Taboada, supervisaron fai uns días o inicio das obras de ampliación do polígono dos Acivros, que está a executar a Sociedade Urbanística Provincial. Trátase dunha iniciativa enmarcada dentro do obxectivo de SUPLUSA de crear solo industrial nos concellos ao mesmo tempo que se favorece o asentamento de empresas na provincia e se xeneran novos postos de traballo. Neste senso, Gómez Besteiro explicou que se cumpriu o obxectivo da Deputación en Chantada, logrando investir 10 millóns de euros. “Estamos nun momento no que todas as administracións temos que pensar en como frear o desemprego, xa que Galicia liderou o paro en España en 2010. Esta é unha obra moi demandada e desexada que vai supor a creación de 80 postos de emprego”. As obras de ampliación desta área industrial, que teñen un orzamento de 2.830.000 euros e unha superficie de 118.000 metros, estarán rematadas neste ano. Deste xeito, o organismo provincial financia o 100% dos traballos, aforrando este custe ao Concello. “Fomos capaces de poñer en marcha esta iniciativa coa que satisfacemos unha vella demanda deste municipio e impulsamos o desenvolvemento económico, non só deste concello senón tamén da comarca. Neste senso, podo confirmar que unha empresa xa reservou unha parcela de 10.000 metros”, sinalou Besteiro. Pola súa banda, o alcalde de Chantada quixo destacar que nesta lexislatura conseguiuse desbloquear o polígono industrial grazas á Deputación. “Esta é unha inversión con futuro. Xa temos empresas interesadas na ampliación das súas instalacións como Estrella Galicia, o que suporá a creación de novos postos de emprego en Chantada”, asegurou. O mandatario provincial tamén quixo lembrar que esta non é a única actuación que a Deputación acometeu en dita área industrial. Previamente, executou a reurbanización da mesma, actuación para a que se destinaron 45.226 euros do canon. Ademais, dotou do subministro de auga necesario. Para a execución desta última actuación, que tivo un investimento de 170.000 euros,contouse co financiamento do Ministerio de Administracións Públicas, a Deputación e o Concello a través do Plan de Obras e Servizos de 2010. Neste caso, a aportación provincial foi de 22.347 euros. Con estas dúas obras mantivéronse outros 16 postos de traballo.

 Outros investimentos

O organismo provincial tamén está a realizar un esforzo inversor no concello de Chantada, xa que estas actuacións súmanse a outras executadas neste municipio no que vai de mandato, e que ascenden a preto de 10 millóns de euros. É o caso das doce obras que se subvencionaron dentro do Plan de Comunidades Veciñais, das actuacións contempladas no canon e que supuxeron un investimento de 5 millóns de euros, ou do mantemento dos 111 quilómetros de estradas provinciais. Ademais, a rede provincial de bombeiros entrará en funcionamento o vindeiro 1 de maio. Por outra parte, a Deputación aforrou a este Concello 300.000 euros co programa Innova-TE, a través do cal os veciños xa poden facer trámites administrativos por internet dende as súas casas. A todo isto hai que sumar que Chantada é un dos 66 concellos que se beneficia do Lugo Emprega, o programa co que o organismo provincial reduce o desemprego na provincia, dando traballo a 771 desempregados. Neste municipio, que forma parte dos concellos de máis de 5.000 habitantes e con menos de 500 parados, a institución provincial destinou máis de 217.000 euros para a contratación de 20 desempregados.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Mais noticias sobre a XXIX Feira do Viño de Chantada

Seguinte Nova

Entroido Ribeirao con Volantes e Peliqueiros

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: