• A concelleira de Xuventude, Estrella Formoso, e a representante da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo (APEHL), Beatriz Vila, deron a coñecer a “Ruta Rock”, que se vai desenvolver no concello de Monforte ao longo de varios meses. Trátase dunha iniciativa da concellería de Xuventude en colaboración con APEHL para promover actuacións dos grupos musicais de Monforte en diferentes locais da cidade. Segundo indicou Formoso, “a Ruta Rock” persegue un dobre obxectivo, por unha banda propiciar que os grupos de Monforte actúen na cidade e, por outra, “contribuír economicamente co esforzo e dedicación á música que teñen estas formacións”, indicou. En dita iniciativa participarán un total de once grupos de diferentes estilos musicais que actuarán en cinco locais da cidade. As actuacións serán a partir das doce da noite, e unha delas realizarase ao aire libre na data na que se celebre en Monforte a concentración de motos. Finalmente, a concelleira de Xuventude quixo agradecer a colaboración da Vicepresidencia Terceira da Deputación de Lugo e a boa disposición de APEHL para levar a cabo esta actividade. Pola súa banda, Beatriz Vila, agradeceulle á concelleira que contara con esta asociación para poñer en marcha a “Ruta Rock”; i é que dende a organización ocupáronse de buscar os locais onde se realizarán os concertos, uns locais que ao final elixiron os músicos. O evento mentras tanto xa está en marcha. Deu comezo o pasado 12 de febreiro coa actuación do grupo B´Puppets no local Los Goya, do grupo Eskizofrenia o pasado día 18 no Zoco, e coa actuación de Morphina este sábado en Caimán. As seguintes actuacións terán lugar este venres 4 de marzo, de novo no Zoco, coa actuación de Ycía; e continuarán o vindeiro 8 de abril na Cervecería Mulligan´s coa actuación do grupo La Cuarta Pared; o 15 de abril con The Base-ICK no Hatabendro; o 29 de abril con The Poet´s Silence en El Otro Caimán; e xa no mes de maio o día 6 en Los Goya actuará The Miñocas; o día 20 Deaf Noise en Hatabendro; e o día 27 A Velas Vir na Cervecería Mulligan´s. A concentración de motos aínda está por determinar.