AS TAXAS DO CONCELLO A DEBATE
En época de crise son moitos os concellos que están a aplicar algunha medida de aforro, mentras que outros apostan por non subir nin os impostos nin as taxas vixentes no municipio. No concello de Sarria, nun dos últimos plenos celebrados, tivo lugar un debate e a posterior aprobación das ordenanzas das taxas pola depuración das augas residuais e tamén pola rede de sumidoiros. Pola súa parte, o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, quixo deixar claro que se trata de cousas distintas, polo que en primeiro lugar, no pleno de decembro aprobouse a taxa pola depuración das augas residuais, e no mes de xaneiro aprobouse a taxa pola rede de sumidoiros. “En Sarria ata o momento había dúas ordenanzas, unha para abastecemento de augas, e outra para depuración e alcantarillado de augas residuais. Como consecuencia de que acabara a concesión destas coa empresa que se encargaba de xestionar ditos servizos, houbo que facer un novo concurso e por iso houbo que separar a ordenanza en dúas”, indicou Garrido. “O que ocorreu foi que as empresas que participaron no concurso presentaron un prezo que baixaba con respecto ás anteriores. Deste xeito, o que se fixo no último pleno foi unha ordenanza cunha serie de criterios específicos que finalmente foi aprobada”, engadiu. Pola súa parte, nesta nova ordenanza fixáronse dous tipos de abonados: os que teñen servizo de abastacemento, e os que non. Asimesmo, estableceuse unha cota fixa mensual independentemente do consumo de cada un, e outra de 2 euros ao mes para os industriais. Ante isto, o alcalde de Sarria explicou que en ningún momento se está a establecer un novo imposto no concello, senón que esta é unha taxa que serve única e exclusivamente para pagar o servizo que está adxudicado polo Concello a unha empresa: “Que quede claro polo tanto que o Concello non percibe absolutamente nada disto, e que non pense a xente que o que se está a facer é subir ou crear un novo imposto”, concluiu. Con este tema entre mans saímos ás rúas para analizar as impresións dos veciños. A disparidade de opinións é o que manda, polo que mentras que para uns sería necesario subir algunhas das taxas, para outros, na actualidade xa teñen un prezo bastante elevado en relación aos servizos que prestan, e polo tanto, deberían baixar.
A valoración cidadá do prezo dos servizos públicos en Sarria
María Aurora Carretero Pescadeira
“Non estou enterada do tema, pero de momento a min as taxas que pagamos en Sarria parécenme xustas, porque tamén arreglaron moito no que son as rúas. E se queremos que arranxen as cousas temos que pagar. Non son esaxeradas e se houbera que subir algunha tampouco me parecería tan significativo.”
Ana Isabel Arias Desempregada
“Ao meu parecer están altas, bueno, están bastante altas. E en canto ao de subilas máis, eu creo que nin aos comercios nin aos particulares. En tal caso o que se debería facer sería baixar as taxas porque, sobre todo, os comercios son os que sempre se están queixando de que pagan máis impostos.”
Eduardo Rey Profesor
“Eu penso que en xeral están altas. Non sei en comparación con outros sitios, pero persoalmente opino que están excesivamente altas, sobre todo, e para o servizo que se presta, o alcantarillado e a auga. Aínda que mellorou nestes últimos anos, o servizo é bastante deficiente para as taxas, non están equilibradas.”