“O reto máis importante é intentar manter os servizos actuais”
• Julio Álvarez Núñez ocupa a alcaldía de Quiroga dende o ano 1987. Foi presidente fundador da Fegamp e dende o 2000 preside o comité local do Partido Popular. Agora, di afrontar as vindeiras eleccións municipais coas mesmas gañas que a primeira vez.
Como afronta a súa candidatura?
Pois como fai vintecatro anos, coa mesma ilusión e coas mesmas gañas.
E con que perspectivas?
Que vou a dicir, bueno, eu o que intentarei será revalidar como mínimo a maioría que temos nestes momentos.
De gañar as eleccións, cales serán os principais retos?
Eu creo que tal e como está o panorama e a coxuntura en xeral, o reto é lograr manter os servizos que temos nestes momentos, iso xa sería un éxito, porque tal e como está a economía e o goberno central, que un día che dá e ao seguinte che quita, o importante é manter a calidade de vida actual. Con todo isto quero dicir que o obxectivo máis prudente sería o poder manter o que hai.
En que proxectos se vai a centrar na seguinte lexislatura?
Bueno, en principio nada destacable porque o que non imos facer con isto é unha estratexia electoral, polo que neste senso non imos a facer nada público de momento. Nin grandes obras nin nada semellante. Pero bueno, eu creo que o maior compromiso é, como xa dixen, intentar manter o que hai e iso elevalo a calidade de vida.
Que balance fai do seu mandato e que logros destacaría?
O principal logro é que cumprimos o 99% do programa electoral do que se prometeu no seu momento fai catro anos. E en canto ás principais actuacións, destacar as pistas polideportivas, un novo museo, unha nova traída de auga, obras para as distintas parroquias por valor de varios millóns de euros, vamos a abrir unha rúa no centro da vila, a colocación de illas ecolóxicas, e como estas, moitas outras cousas. Tamén estrenamos un novo polideportivo, e bueno, un pouco de todo. Sería moi difícil enumerar aquí todos os logros de máis de 20 anos.
Cales son os principais cambios que experimentou Quiroga durante todo este tempo?
O principal cambio é a metamorfose que sufriu o mu- nicipio. Comparar a Quiroga de agora coa de fai vintecatro anos, pois case non se coñece. Vou a dar un dato estatístico importantísimo para que se vexa o crecemento experimentado pola vila; cando eu asumín a alcaldía no abastecemento de augas había 470 abonados aproximadamente, mentras que nestes intres hai 2.700. Isto dá unha idea da evolución que sufriu o casco urbán. Pero aparte disto, Quiroga ten hoxe en día todos os servizos que pode ter calquera cidade, tales como gardería, institutos, ludoteca, auditorio, etc. É máis, cando eu cheguei á alcaldía había dous barrendeiros, un fontaneiro, un policía municipal e tres funcionarios; sen embargo hoxe temos unha plantilla de máis de 100 traballadores.