O evento atraerá unha concentración de preto de 100 autocaravanas para a fin de semana
O concurso de gando frisón celebrarase de xeito paralelo nos mesmos días
• Tal e como se anunciou no seu día, dúas das principais novidades coas que contará a Feira do Viño de Chantada deste ano, serán a celebración dunha concentración de autocaravanas e a organización da vixésima edición do Concurso de Gando Frisón. Neste senso, en relación á concentración deste tipo de vehículos e segundo explicou o tenente alcalde chantadino, Ildefonso Piñeiro, a idea é conmemorar e potenciar a área municipal de servizo para autocaravanas, inaugurada no ano 2008, aproveitando a Feira do Viño. Todo isto en colaboración coa Asociación Galega de Autocaravanas. I é que durante esa fin de semana son centos e centos de persoas as que se achegan ata o pobo. “Trátase de aproveitar o filón turístico que teñen as autocaravanas e tamén de atraer máis xente á vila durante eses días, algo que sen dúbida será positivo para a Feira do Viño, para a feira do gando, para as propias autocaravanas e en xeral para o turismo en Chantada”, engadiu Piñeiro. Pola súa parte, denda a Asociación Galega de Autocaravanas, explicaron que o obxectivo que persigue dita concentración é o de “potenciar un pouco o turismo de autocaravanas nas vilas onde xa hai áreas específicas para este tipo de vehículos”. Con isto, dende a asociación tamén sinalaron que pasarán toda a fin de semana da Feira do Viño integrándose nas actividades que directamente estén relacionadas co festexo. Manuel Brañas, un dos voceiros da asociación, indicou que entre a programación prevista, terá lugar unha recepción de benvida aos visitantes da área, tamén unha visita guiada pola vila e a unha adega e, como non, unha degustación de viño. “En fin, trátase do habitual, e xa digo, pasaremos os dous días integrados en todas as actividades que surxan, porque a día de hoxe aínda nos faltan por concretar algúns dos detalles desta visita co propio Concello”. En canto ao número estimado de autocaravanas que durante a Feira do Viño se instalarán en Chantada, agárdase que a cifra ronde o centenar de vehículos. “Eu penso que vai a asistir un número de vehículos semellante ao que temos noutros eventos, que soen ser preto de 100 autocaravanas, o que se traduce nunhas 250 persoas máis ou menos, entre nenos e adultos, procedentes de diferentes puntos de Galicia e tamén doutras comunidades como Asturias ou Castela-León”, apuntou Brañas. Con todo isto, dende a asociación quixeron deixar claro que o Concello de Chantada xa levaba anos demandándolle algún tipo de actividade para esta área, “polo que este ano decidimos darlle un pequeno impulso a este tipo de turismo na Ribeira Sacra, en concreto, na Feira do Viño de Chantada, aínda que máis adiante seguiremos con concentracións en Monforte e A Pobra de Brollón”, concluiu Brañas.
FEIRA DE GANDO FRISÓN Esta é a outra principal novidade, a celebración do XX Concurso de Gando Frisón de Chantada os mesmos días da Feira do Viño, tal e como se realizaba nas primeiras edicións do concurso. Os organizadores, a Asociación de Gandeiros da Comarca de Chantada e Africor, tomaron esta decisión co obxectivo de aumentar a asistencia de público e potenciar aínda máis unha feira xa mítica no concello de Chantada. “Aos patrocinadores e a moita xente, ao igual que a nós, pareceunos moi boa idea volver a organizala nas mesmas datas que a Feira do Viño”, explicou Manuel Capón Rodríguez, da asociación de gandeiros, “xa que así contaremos con máis afluencia de xente”, engadiu. En canto aos participantes, Capón indicou que se agardan máis ou menos os mesmos que na edición anterior, aínda que tamén houbo algúns que se quedaron fóra do concurso por non presentar a inscrición a tempo. “De momento contamos con 122 animais de 33 gandeirías, así que as expectativas son boas. E en canto á xente, ao coincidir coa Feira do Viño unha cousa vai chamar á outra, así que supoñemos que tamén haberá máis público”. Finalmente, dende a Asociación de Gandeiros da Comarca de Chantada sinalaron que a única novidade desta edición serán algúns pequenos cambios no programa para que non coincidan cos actos máis relevantes da Feira do Viño, tales como o pregón. “O concurso de manexadores non será o domingo pola mañá, senón o sábado ao acabar o concurso”, concluiu Capón. Pola súa parte, a entrada do gando no recinto feiral realizarase o venres 11 de marzo pola mañá.