Todo disposto para a XXIX Feira do Viño de Chantada

O concelleiro Ledo, xunto aos stands en forma de cuba dos que disporán os adegueiros

O concello de Chantada celebrará os vindeiros 12 e 13 de marzo a vixésimonovena edición da súa Feira do Viño, xunto coas segundas xornadas técnicas de promoción ao longo de toda esta semana e a seguinte. Trátase dun dos eventos con máis fama de toda a comarca de Chantada, que este ano ademáis volta a contar con abundantes novidades. A primeira delas é a celebración por segundo ano consecutivo dunhas xornadas técnicas nas que se tratarán temas como a agricultura de precisión nas explotacións vitivinícolas da Ribeira Sacra e o aproveitamento vitivinícola en base aos recursos propios da Ribeira, entre outras cuestións técnicas; e todas elas conducidas por numerosos expertos en cada materia. A maiores, dentro das xornadas técnicas inclúense dúas catas públicas e gratuítas, e a segunda cata por videoconferencia de España, que de novo será emitida simultáneamente en toda Galicia en tempo real, coa posibilidade de que máis de 300 persoas caten á vez o mesmo viño en distintos lugares. Esta última actividade celebrarase o xoves 10 de marzo ás sete da tarde no Telecentro de Chantada.

Festival de orquestras e Televisión de Galicia

Pero tal e como explicou o concelleiro e membro da comisión organizadora da Feira do Viño, Xosé Manuel Ledo, o prato forte chegará durante a fin de semana con multitude de actividades e coa propia feira, instalada ao igual que todos os anos entre a Praza de Galicia e a Avenida de Monforte. “A feira vámola a abrir o venres 11 ás oito da tarde, coas casetas do viño incluídas, e esa mesma noite contaremos cun festival de orquestras no que participarán Solara, Ritmo Joven e Trovadores. Teño que dicir que se trata dunha actividade que non ten custe ningún para os organizadores porque foi unha xestión que realizamos a través dunha axencia de espectáculos”, apuntou Xosé Manuel Ledo. “E o mesmo sucede coa grabación da feira por parte da Televisión de Galicia para un dos seus programas, unha iniciativa que tamén conseguimos de xeito totalmente gratuíto”. Xa o sábado, ademáis de contar cos stands e cos distintos postos de degustación de produtos abertos de novo, terá lugar a actuación das charangas e dos grupos da Escola de Música Municipal, e da Banda de Música de Chantada. A maiores pola tarde, o grupo de teatro Quinquilláns representará unha obra a pé de rúa, mentras que pola noite será de novo o turno das orquestras. O domingo será o día dos actos oficiais, como o pregón, que terá lugar a partir da unha do mediodía a cargo do presidente de Hércules Ediciones, o taboadés Francisco Rodríguez Iglesias. Ese mesmo día chegará outra das principais novidades, un concurso de cata que se celebrará entre as dez da mañá e ás dúas do mediodía, e cuxos resultados serán dados a coñecer o sábado seguinte, día 19 de marzo. E como non, a partir das seis da tarde as orquestras amenizarán a xornada. É preciso destacar tamén que este ano voltarán as cubas á Feira do Viño; i é que en vez dos tradicionais stands, os adegueiros contarán cunha especie de cubas de gran tamaño, que previamente foron realizadas pola brigada de obras do Concello, para poñer á venda nas mesmas os seus viños. Asimesmo, un ano máis os empresarios contarán cunha carpa a modo de pequeno mercado de stocks, e paralelamente celebrarase unha feira de produtos artesanais típicos da zona. En canto á participación dos adegueiros, Xosé Manuel Ledo confirmou a inscrición de dez adegas, aínda que as expectativas semellan apuntar a que finalmente serán como mínimo unha ducia; “e o mesmo ocorre cos litros de viño que os adegueiros porán á venda, que supoñemos superarán as cifras do ano pasado”, engadiu o concelleiro. Outros dos aspectos no que insistiu Xosé Manuel Ledo foi nos prezos fixados para esta edición. “Vanse a manter os mesmos que o ano pasado tanto para os adegueiros como para os distintos postos de comida, nos que a botella de viño custará 6 euros”, explicou. Con este programa, ao que hai que engadir unha concentración de autocaravanas e a celebración do concurso de gando frisón durante a mesma fin de semana, as estimacións da comisión organizadora da Feira do Viño apuntan a que o número de visitantes podería rondar as 50.000 persoas os dous días. “Somos completamente conscientes de que se o tempo nos axuda a Feira do Viño de Chantada desbordarános a todos, porque cada ano hai máis afluencia”, concluiu Ledo.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Máis de 20 alumnos para o Lemos

Seguinte Nova

Mais noticias sobre a XXIX Feira do Viño de Chantada

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: