A entidade aproba os orzamentos e fai balance
• O Círculo do Saviñao celebrou fai uns días unha asamblea xeral ordinaria de socios na que se aprobaron os orzamentos da entidade para este ano 2011. Na mesma sesión tamén se abordaron outros temas como a modificación das cotas que abonan os socios, a aprobación da memoria anual de actividades e a liquidación de contas, así como outras propostas da xunta directiva. Dentro da memoria de actividades do pasado ano destacan iniciativas como a conferencia de Ángel Carracedo; o recital poético de Jesús Galán; a presentación dos libros “O cabo do mundo”, de Xabier Quiroga; “Un gallego en la corte del rei sabio”, de Antonio Díaz Fuentes; ou “Bajo la inquieta luz de un candil”, de Matías Vázquez. Pero tamén se desenvolveron outras actividades como a presentación dos DVD´s “O Consorcio Ribeira Sacra en G.C.” e “Galegos na Diáspora”, de Pepe Losada; e actuacións musicais como as de Emilio Rúa, Miguel Alonso ou Ycía. Por outra parte, durante o 2010 tampouco faltaron representacións teatrais, exposicións de pintura, os tradicionais bailes de entroido e de fin de ano, a proxección de varias curtametraxes, e a edición do libro “Circular polo Saviñao II”. É de destacar, que no que vai de 2011, a día de hoxe o número de socios cos que conta o Círculo do Saviñao é dun total de 212, repartidos entre socios de número (150), socios eventuais (61), e socios honorarios (1).