Xa son 5.576 os parados que acumulan Monforte, Sarria, Chantada e Quiroga no que respecta ó conxunto destas comarcas cos datos de febreiro na man. O comportamento segue a tendencia xeralizada de aumento e á vista está que os resultados non son nada esperanzadores. Especialmente duras son as cifras na Terra de Lemos, onde se rexistran nada menos que 2.536 demandantes de emprego de xeito oficial, seguidas da comarca de Sarria, que acumula 1.660 desempregados, a de Chantada 905 e a de Quiroga 475. Tan só o concello de Monforte, tendo en conta que é o máis poboao da zona sur, acumula 1704 persoas en busca de traballo, das cales case 1000 (953) o fan no sector servizos. Non menos preocupante é o caso do municipio sarriano, que ten nas listas do Servizo Galego de Colocación a 1.660 persoas en idade activa, delas, 598 proceden igualmente do sector servizos. No caso do municipio chantadino hai 605 parados, dos que 331 buscan un oco na amplitude do sector terciario; en Quiroga municipio hai 309 parados, dos que 156 demandan no mesmo sector. A pesares de que a amplitude do sector servizos colócao coma máis complicado, o caso é que a caída progresiva da construcción coa crise inmobiliaria é, comparativamente, moi preocupante na zona sur e a comarca de Sarria. Falando de concellos representativos, Monforte lidera o desemprego nesta área, con case 300 persoas en situación de paro pola caída da construcción.
Lecturas múltiples se poden tirar dos preocupantes números; algunhas delas fanas sectores representativos no interior de Galicia como sindicatos, organizacións agrarias, asociacións de mulleres e centros formativos.
Sindicatos: catálogo de esixencias ante os candidatos ás municipais
Dende o sindicato maioritario da zona sur, UGT, veñen de iniciar, aproveitando a conxuntura preelectoral, unha ronda de conversas cos candidatos dos partidos maioritarios en Monforte de Lemos na procura de solucións para o desemprego. O obxectivo é, segundo Mario Docasar, secretario xeral de UGT- Lemos, a reducción da taxa de paro nun 9% nos próximo catro anos, e todo isto a través dun catálogo de medidas presentadas ás diferentes formacións políticas. Entre os 16 puntos prioritarios está a clásica demanda da comarca, e é que, anos despois, Monforte segue demandando o desenvolvemento da súa recurrente esperanza, o porto seco. Pero o impulso do regadío, infraestrutura desaproveitada e abandonada durante décadas en Monforte, é outra das demandas do catálogo sindical, así como o impulso da rehabilitación de vivenda para recuperar o castigado sector da construcción, ou a posta en marcha dun novo obradoiro de emprego. Ao tempo que se pide o cumprimento das necesidades sociais, atallaríase ademáis o desemprego co reforzo do personal hospitalario e coa construcción da macroresidencia da Chacinera. Non pasa de largo neste listado o reclamo dun centro de iniciativas empresariais a modo de viveiro de empresas e coa colaboración da CEL, a potenciación do polígono do Reboredo por parte das administracións, e a posta en marcha dun urxente plan de choque contra o paro no ámbito autonómico.
O agro: unha posibilidade difícil pero viable
Dende a óptica agraria, sector que arrastra unha situación complicada tradicionalmente polos comportamentos dos mercados, Ana Rodríguez fai unha valoración da situación dende o Sindicato Labrego Galego, destacando que as cifras de desemprego non contabilizan á maioría de traballadores do sector actualmente desempregados, ao ser estes traballadores por conta allea. As altas de explotacións seguen a descender en agricultura e gandeiría polo xeral, excepto en casos como a viticultura, que na Ribeira Sacra segue a ser unha tarefa moi importante que reporta beneficios, pero sempre como segunda actividade. Rodríguez opina que a crise quizáis non arroxe cifras de desemprego importantes no sector, pero isto é debido fundamentalmente a escaseza de oferta noutros sectores e ao valor cero que ten hoxendía a cota láctea, dous factores fundamentais para que moitos gandeiros estean intentando aguantar o tirón. Non parece reflectirse sen embargo a tendencia contraria de buscar na agricultura un recurso á falta de emprego por parte de novos emprendedores, tan só en casos aillados. Sen embargo, sí se recoñece polo momento como unha opción dalgúns mozos, a pesar de que se antolla moi custoso empezar de cero, sobre todo no caso da gandeiría, debido aos grandes investimentos necesarios e ao problema dos prezos motivado polo encarecemento de pensos e combustibles.
Centros educativos: formarse durante o desemprego
Sen esquecer a importancia da laboura formativa, máis ca nunca en situacións de profunda crise laboral e como comportamentos progresivos nos últimos anos, obsérvase, tal e como indica o director do IES Daviña Rei de Monforte, Vicente Docasar, que arredor dun 20% do alumnado do último curso de Bacharelato opta por cursar un ciclo de formación profesional en lugar de acudir á universidade como viñan facendo tradicionalmente. Preguntado pola situación de crise e desemprego afrontada dende un centro formativo, Docasar destaca iniciativas coma o SILDAREI (Servicio de Inserción Laboral do Daviña Rei), base de datos electrónica vinculada á web do centro, onde se pón en contacto aos alumnos saíntes coas empresas vinculadas ás súas áreas formativas (electrónica, mecánica, automóbil e sanitaria). Por outra banda está a Aula Mentor, pensada para ofrecer formación a persoas que traballan ou están no paro, ofrecendo a posibilidade de completar a súa formación adquirindo novas competencias.
Mulleres rurais: aplicación das TIC para o repunte do rural
Pero si outra perspectiva prantexa o desemprego é a cuestión de xénero, a problemática do desemprego toca especialmente á muller do rural, a pesar do importante paso dado polo Ministerio no recoñecemento da cotitularidade das explotacións agrarias dos dous cónxuges. Testimonios como o de Yolanda Paz, presidenta de AMFAR Chantada, asociación de mulleres rurais, salienta a preocupación pólo desemprego e a importancia da tarefa formativa. Neste campo sinala tres proxectos piloto que quere impulsar este colectivo, como son o Proxecto Star- Bien “no que fomentamos o benestar das familias no rural, as iniciativas empresariais, e a potenciación do comercio rural a través das TIC”. Por outro lado, está a idea de crear un Centro de Teleservizos para as mulleres do Rural Galego para a orientación laboral e o asesoramento, e o proxecto ‘mercadorural.es’ unha plataforma on-line onde se poderán expoñer e vender os propios productos locais.