
O Chantada B xa é o novo equipo da Segunda Rexional logo de derrotar fai unhas xornadas ao Sagrado Corazón, nun partido no que se palpou a ansiedade por conseguir o triunfo nun día tan importante.
Dende a directiva, José Manuel Aguiar quixo deixar constancia da súa alegría: “Estamos encantados co traballo dos adestradores e dos xogadores, era un obxectivo a principio de tempada e agora vese cumprido”. Aguiar explicou que cada vez están a pasar máis rapaces de xuvenís, polo que é convinte ascender de categoría, “así que agora, con este obxectivo cumprido, e a falla de poucas xornadas, o que falta é gañar a Liga”, indicou, “ainda que está o Guntín a 3 puntos e debemos ter coidado nese senso, porque se trata dun gran equipo”. Despois deste logro, para o clube só queda seguir xogando, mentres que a nivel de segunda autonómica “xa veremos unha competición máis atractiva de cara ao espectador, e tamén de cara aos xogadores”.
Tal e como explicou o membro da SD Chantada, un logro destas características para o equipo ven a ser un premio e un recoñecemento a todo o traballo que se estivo a facer; “este ano estamos de líderes destacados na primeira autonómica, esperamos voltar co primeiro equipo a preferente, o Chantada B vai a loitar polo título de liga tamén, e os cadetes están xogando por ser campións de Liga cando o seu obxectivo era simplemente salvarse, con todo isto só nos queda estar agradecidos e contentos polo traballo realizado”, engadiu Aguiar.
Finalmente, dende o clube tamén quixeron agradecer o apoio recibido por parte da afección, xa que ultimamente a asistencia de público aos partidos está a ser masiva.
A Sociedade Deportiva Chantada fundouse no ano 1970, sen embargo hai que destacar que o fútbol en Chantada practícase dende o ano 1915, (tal e como recolle a información do propio clube), ano no que se fundou o primeiro equipo, chamado Atlético, e que xa disputaba encontros con equipos de Lugo e Ourense. Na actualidade, e uns cantos anos despois, as distintas categorías da SD Chantada compiten xa contra algúns dos equipos máis importantes.