O paro e as iniciativas contra o desemprego en Monforte, Sarria e Chantada: os cidadáns opinan

ENQUISA A PÉ DE RÚA SOBRE A SITUACIÓN ACTUAL DO EMPREGO EN MONFORTE

1. Canta xente coñece, ou coñece a alguén, que esté no paro agora mesmo?

2. Como valora o programa Lugoemprega, promovido pola Deputación de Lugo para a creación de emprego na provincia?

3. Como cre que pode xenerarse emprego en Monforte?

Jorge González.  Camareiro.

1. Sí, coñezo a algunha xente que está no paro, aínda que a ningúen do meu entorno máis directo.

2. Sí, teño información sobre o programa LugoEmprega. Esta iniciativa paréceme unha boa idea para ir tirando tendo en conta a grave crise na que nos atopamos; aínda que se realicen contratos por pouco tempo, é unha forma de salvar un pouco a situación.

3. Na zona de Monforte, as solucións pasan un pouco polos temas recurrentes como é a instalación de empresas un pouco potentes, pero para iso débense potenciar infraestruturas coma o polígono e os seus accesos. Se non se lle dá vida ao polígono, é lóxico que o sector servizos a nivel local tampouco aguante. A gandeiría é outra das claves para o mantemento do comercio e do consumo, pero hoxe está moi complicado.

María Fé. Empresaria hostaleira.

1. Moita, sobre todo xente nova.

2. Sí coñézoo, pero non teño moita información. Está ben, pero non é algo pensado para o futuro.

3. Penso que un xeito de xerar emprego sería potenciar con máis forza o turismo na zona da Ribeira Sacra, e intentando que algunha empresa un pouco grande se asente nos pequenos concellos coma o meu, o Saviñao, conseguindo que así a xuventude non teña que marchar. Pouco a pouco incrementariamos a poboación, e isto implica ir creando máis empresas de servizos.

Tania Mirás. Administrativa.

1. Moita, sobre todo xente nova e xente que traballaba na construción ou en sector servizos, coma a hostalería.

2. Sí coñezo o programa LugoEmprega, aínda que o meu concello non o publicitou o suficiente e houbo moita xente que non nos enteramos de cando eran as datas para anotarse para facer os exames. Valóroo positivamente porque é unha boa forma de crear emprego, ainda que só sexan uns meses.

3. Habería que potenciar a creación de empresas pensadas sobre todo na produción agricola/vitivinícola e gandeira, posto que son os sectores que máis abundan na nosa zona. Isto tamén suporía un importante incremento de poboación no rural, que levaría á demanda de novos servizos. Tamén é viable crear empresas pensadas na xente da terceira idade, tanto centros especiais para eles como servizos a domicilio, tipo xantar na casa.

Ángeles Varela. Conserxe

1. Si, claro que coñezo a moita xente que está no paro.

 2. Non coñezo o programa LugoEmprega, pero paréceme ben calquera medida destinada a cubrir un pouco a alta demanda, aínda que penso que deberían facerse contratos máis duradeiros. Que fan os beneficiarios despois de seis meses?

3. Penso que a clave é a de sempre, montar empresas, aínda que o panorama se presenta moi dificultoso. Hai que ter en conta que os poucos recursos que estaban aproveitados na zona eran as canteiras, e ao pechar estas plantas as zonas de Monforte e Quiroga quedaron sen nada. Penso que sí habería fórmulas, e tanto os técnicos coma os políticos deberían pensar nas solucións ao problema do paro.

ENQUISA A PÉ DE RÚA SOBRE A SITUACIÓN ACTUAL DO EMPREGO EN SARRIA

1. Canta xente coñece, ou coñece a alguén, que esté no paro agora mesmo?

2. Como valora o programa Lugoemprega, promovido pola Deputación de Lugo para a creación de emprego na provincia?

3. Como cre que pode xenerarse emprego en Sarria?

Javier Díaz. Obreiro construcción.

1. Eu mesmo xa son un que está no paro, e tamén os meus fillos.

2. Non coñezo o programa Lugoemprega, pero paréceme ben que se leven a cabo iniciativas para xerar emprego aínda que sexa temporal, menos é nada, e sobre todo nesta zona de Sarria, onde a cousa está moi mal.

3. Os políticos son os que o teñen nas mans, pero non fan nada. Quizás a solución para algúns aquí sexa volver ao campo, porque as poucas industrias grandes que había xa pecharon. Por outro lado, tamén sería o momento de fomentar a obra pública, os subsidios non chegan para vivir.

Lourdes López. Dependienta.

1. A verdade é que non coñezo a ninguén que estea no paro.

2. O programa LugoEmprega paréceme ben, sí que o coñezo. Trátase dunha iniciativa que servirá para prosperar un pouco e dotar de formación e coñecementos a varias persoas que se atopan agora mesmo no paro, ao tempo que servirá para realizar traballos municipais que son necesarios.

3. A solución pasa por montar empresas, porque un lugar como Sarria non ten medios, quitando uns cantos negocios de carpinteirías, bares, e pouco máis. Dende as administracións deberíanse ofertar terreos gratis para o asentamento de empresas, e liberalas do pago de impostos.

Carlos Franco. Transportista.

1. Coñezo a moita xente que dende hai bastante tempo está no paro, sobre todo nos sectores da construcción e servizos.

2. Algo sí oín falar do LugoEmprega; esos son uns cartos para hoxe, pero dentro de seis meses o problema volve estar aí. Ademáis é unha vantaxe só para uns cantos enchufados.

3. Non sei moi ben cal pode ser a vía para xerar emprego nesta zona. Ás veces mesmo parece que non interesa xerar postos de traballo, porque os políticos algo poderían facer tendo en conta o poder que teñen. Quizáis moita xente desta comarca volva ás explotacións agrogandeiras; podería haber un certo futuro neste sector, porque é o único recurso que queda.

Mari Castañeda. Camareira.

1. Sí coñezo xente que está no paro, dentro da familia e tamén amigos.

2. Non coñezo nada do programa LugoEmprega, pero parécenme ben todas as iniciativas destinadas a crear postos de traballo, aínda que seis meses me parece moi pouco tempo.

3. Non se me ocurre como podría solucionarse este problema tran grave. Quizá habería que empezar por deixarse de tantas prohibicións, temas como o do tabaco e a alta presión dos controis de tráfico están a perxudicar moito a sectores como a hostalería nesta zona. Á xente xa lle dá medo tomar tan sequera unha copa. Por outra banda, no caso de Sarria, realizar certas obras que son moi necesarias, como as destinadas a paliar as inundacións, xa sería un xeito de crear algúns empregos.

ENQUISA A PÉ DE RÚA SOBRE A SITUACIÓN ACTUAL DO EMPREGO EN CHANTADA

1. Canta xente coñece, ou coñece a alguén, que esté no paro agora mesmo?

2. Como valora o programa Lugoemprega, promovido pola Deputación de Lugo para a creación de emprego na provincia?

3. Como cre que pode xenerarse emprego en Chantada?

Aurora Baltar Díaz. Empregada de Correos.

1. “Pois mira, neste caso podo decirche que eu mesma, porque eu traballo eventualmente. Hoxe por hoxe tamén estou no paro. E sí, por suposto, coñezo a máis xente; a verdade, a bastante xente”.

2. “O caso é que non coñezo moito ese programa, o Lugoemprega. Pero polo que oín creo que era para xente máis noviña. Pero bueno, se dan emprego á xente ainda que sexa nada máis por seis meses, está ben. É unha experiencia máis, e se cadra para xente que nunca traballou é unha oportunidade de comezar, ainda que sexa por un período de tempo determinado”.

3. “Pois non o sei, a verdade, porque para min Chantada como pobo está un pouco morto, entonces non sei. Seguro que emprego sí se pode crear, pero creo que hai que ter moita iniciativa, e ten que ser xente que queira arriscar de verdade”.

Lucía Expósito Couso. Perruqueira.

1. “Pois a verdade é que non. Resultará curioso pero non, nestes momentos non coñezo a ninguén desempregado”.

2. “Tampouco oín falar do Lugoemprega, pero bueno, para saír do paso unha iniciativa así está ben. Seis meses non é algo duradeiro, a verdade, pero para ter traballo durante un tempo está ben. Despois, bueno, xa será cuestión de voltar a buscar”.

3. “Como crear emprego en Chantada ten unha resposta dura. Na miña opinión, bastante complicado o vexo. Moi difícil, por non dicir outra cousa. Non hai saídas en Chantada e, aparte, a xente vaise do pobo por iso mesmo, porque non ven saídas, non hai postos de traballo e, polo tanto, tampouco hai emprego. Así que a xente remata por irse fóra”.

Julia García Lagos. Ama de casa.

1. “Sí, sí, coñezo algunha, e aparte tamén escoito falar doutras persoas que non teñen traballo. Eu creo que é normal, hoxe en día as cousas están moi complicadas e hai moita xente desempregada”.

2. “Iso sí que non. Non oín falar do programa da Deputación, pero todo o que sexa dar emprego á xente paréceme ben, polo menos que vaian facendo algo, ainda que só sexa durante uns meses”.

3. “Non sei como se podería crear emprego, tampouco é que eu che entenda moito diso, pero por exemplo poderían facer cousas novas e tamén traendo algunha obra máis para Chantada. Obras nas que se collera a xente daquí para traballar. A realidade está moi mal e hai moita xente, sobre todo xente nova que non ten traballo, así que aí é donde deberían poñer máis atención. Cada día escoito falar a matrimonios que ven como os seus fillos quedan sen traballo, e os mozos queren traballar, pero se non teñen onde vexoo complicado”.

Nais Romeo Blanco. Perruqueira.

1. “Si que coñezo, sí, e bastante xente ademais”.

2. “En principio, valoro ben a iniciativa do Lugoemprega porque pode aportar formación á xente. E de paso tamén serve como un contacto coa vida profesional e laboral. Pero bueno, non é definitivo, só é temporal; entón, non sei eu ata que punto pode axudar ou ser útil na creación de emprego”.

3. “Eu penso que se os políticos tiraran un pouquiño máis por traer empresas para Chantada cambiaría a cousa. Para min sería a única forma de crear emprego. É que, ademáis, aquí hai moito en canto a sector servizos, pero claro, chega un momento no que nos servimos só os que estamos, sen chegar a máis xente. Para min o que hai que traer é postos de traballo, sobre todo con máis actividade empresarial para o pobo. Agora ben, como sigamos así e isto no medre creo que ‘morremos na miñoca’, porque a xente opta por irse a buscar traballo noutros concellos”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Pacadar: Dous anos para funcionar en Monforte

Seguinte Nova

Concurso de Camisetas para grupos XXIX edición Feira do Viño de Quiroga

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: