O Suplusa anuncia unha reducción no prezo do 10%
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, ven de presentar os resultados da política industrial executada pola entidade provincial, a través de SUPLUSA, así como as novidades que implantará para favorecer o asentamento de empresas e crear novos postos de traballo. Besteiro anunciou así que “o prezo medio do solo industrial que vende a Deputación é moito máis económico e competitivo: 35 euros de media por metro cadrado, é dicir, o metro cadrado é de 72 euros máis barato que o da Xunta, ou o que é o mesmo, os polígonos da Deputación son un 67% máis económicos”. É de destacar que dende o ano 2007, a Deputación impulsou sete polígonos. Algúns deles están totalmente rematados e en obras outros como o de Chantada. En total, as operacións da Deputación suman 1.220.000 metros cadrados e un investimento de 13,4 millóns de euros. Asimesmo, estímase que 34 empresas desenvolverán en pouco tempo a súa actividade en ditos polígonos. Por outra banda, o presidente provincial tamén lembrou que o Ministerio de Industria ven de conceder á Deputación axudas por valor de 300.000 euros dentro do Plan Reindus 2011, para a reindustrialización e modernización do proceso produtivo. O titular provincial adiantou que se destinarán 150.000 euros ao polígono de Chantada, cuxas obras se rematarán este ano, e os outros 150.000 ao de Paradela. “Coas axudas abarataremos o custe do metro cadrado nun 20% no caso da segunda área industrial, fixando en 27,5 euros o metro cadrado, e un 10% no polígono chantadino, quedando en 33 euros”, explicou. En canto á cobertura dos polígonos provinciais, os responsables provinciais tamén sinalaron que economizar o prezo do solo xa deu bos resultados. Así por exemplo, no caso de Chantada o prezo fixarase en 33 euros aproximadamente, polo que calculan que será un 69% máis barato que o das Gándaras de Lugo. Ademais, en Chantada xa están reservados 10.000 metros pola empresa Hijos de Rivera. Finalmente, Besteiro destacou que dende hai nove meses a Deputación ofrece a posibilidade de efectuar o pago das parcelas nun prazo máximo de cinco anos, fronte aos tres anunciados pola Xunta.