Política Lingüística presentou o cartafol “Xeración dos Axóuxeres”, que contén cancións, pegatinas e listados de nomes en galego para uso das mulleres que estean a punto de ser nais
Redacción- Monforte
O pasado 23 de marzo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia deron a coñecer as características do cartafol “Xeración de Axóuxeres”, unha iniciativa pensada para acompañar as mulleres e as súas parellas durante o derradeiro tramo do embarazo, co fin de animalos a introducir o galego na comunicación cos seus fillos dende os primeiros momentos.
XOGOS E COMUNICACIÓN FAMILIAR EN GALEGO
Segundo explicou durante a presentación do cartafol o responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, esta iniciativa busca “favorecer a incorporación do galego na comunicación familiar”. “Con esta iniciativa, pretendemos que as novas familias de galegofalantes continúen transmitindo a súa lingua, e que as castelanfalantes se animen a cantarlles ou xogar cos seus nenos en galego, para que haxa momentos de diversión e comunicación afectiva na lingua propia de Galicia”, explicou Lorenzo. Nesta liña de traballo, os responsables de Política Lingüística recordaron que, nos últimos anos, ven sendo unha prioridade deste departamento facilitar as familias ferramentas que favorezan a comunicación en galego dende as idades máis temperás.
INICIATIVA RENOVADA
Asimesmo, dado o interese que despertou o maletín entregado as embarazadas en edicións anteriores, a Secretaría Xeral de Política Lingüística quixo dar continuidade a esta iniciativa con materiais revisados que ofrecen un deseño diferente, novas cancións e xogos, unha escolma distinta de nomes galegos, con información engadida sobre apelidos, así como outros recursos.
CONSELLOS E REFLEXIÓNS EN GALEGO PARA OS FUTUROS PAIS E NAIS
O cartafol “Xeración dos Axóuxeres” consiste nunha recompilación de materiais divulgativos nos que se ofrecen recursos para a incorporación da lingua galega desde o plano afectivo, con argumentos e recursos prácticos. Así, o folleto “Ides ter un bebé” ofrece consellos e indicacións para afrontar o derradeiro tramo do embarazo, ao tempo que inclúe reflexións sobre a importancia da palabra no desenvolvemento e sobre as vantaxes de introducir o galego na comunicación familiar. O cartafol permite tamén deixar constancia dos momentos máis significativos da espera do nacemento na tarxeta “Momentos especiais”, co fin de relembralos e poder transmitirlle en galego esa experiencia ao fillo ou filla.
IMPORTANCIA DA ONOMÁSTICA GALEGA COMO RIQUEZA PATRIMONIAL
Como orientación informativa para os pais e nais que desexen ter opcións de nomear en galego ao seu fillo ou filla, o cartafol ofrece o folleto “Ímoslle chamar”, que recolle unha escolma de apelidos e nomes de pía galegos, acompañados das súas orixes e significados. Segundo os responsables desta iniciativa, dita selección de nomes ten un dobre obxectivo: por unha banda, que os pais e nais teñan en conta os nomes galegos á hora de escoller o que vai levar o seu fillo ou filla, e por outra, poñer en valor a onomástica de Galicia como patrimonio común de todos os galegos.
MÚSICA GALEGA DENDE O VENTRE DA NAI
A música tamén está presente nesta iniciativa, a través do disco “No colo da fala”, producido por Xabier Díaz e Guillerme Fernández, que contén seis cantos de berce. Segundo explicaron os responsables de Política Lingüística, este disco está pensado non só para que os pais e nais os escoiten en familia, senón para que incluso aprendan estas pezas e llas poidan transmitir ao bebé nos momentos de ir durmir ou de tranquilizar ao neno. Os impulsores desta iniciativa destacan o feito de que, se estas cancións se escoitan durante o embarazo, logo do nacemento resultará máis natural empregalas na convivencia cotiá co novo fillo.
XOGAR E COÑECER O ENTORNO EN GALEGO
O cartafol “Xeración de Axóuxeres” reserva tamén espazo para o mundo dos xogos, xa que incorpora o folleto “Arrolos”, onde recolle coplas de arrolar e xogos de iniciación para xogar co bebé. Así, inclúe recitados para aprender as partes da cara, os dedos da man, para cabalgar na perna, facer cóxegas, xogos con letras e números, e fórmulas para rematar un conto. Asimesmo, o folleto contén reflexións sobre a importancia deste tipo de xogos e actividades no desenvolvemento da comunicación familiar.
BABEIROS E PEGATINAS
Dentro do cartafol “Xeración de Axóuxeres”, as nais e pais poden atopar un babeiro co lema “Comer e falar, todo é empezar!”, co que se pretende facer visible a lingua galega na roupa do bebé. Con esta peza preténdese, segundo os responsables da iniciativa, que tanto os pais e nais como o propio neno bótense a falar en galego, sen medo a facelo mal. Os materiais divulgativos do cartafol complétanse cunha pegatina para o coche, co lema “Eeei! Amodiño! Levo adultos a bordo”, e que pretende estender o uso do galego na recomendación de conducir con xeito para evitar accidentes, especialmente cando o coche que vai diante leva nenos.
DISTRIBUCIÓN DO CARTAFOL E RECURSOS ON LINE
A secretaría xeral informou de que ten distribuidos 10.000 exemplares deste cartafol, destinados a todas as embarazadas que se atopen no terceiro trimestre de xestación, e que poderán solicitar este material á súa matrona no seu centro de saúde habitual. Ademais, colaboran con este programa outras entidades que prestan servizos e atención a mulleres que esperan un bebé. A secretaría xeral habilitou o espazo web www.xunta.es/linguagalega_xeracion_axouxeres para que todas as familias con bebés poidan acceder aos materiais que se inclúen no cartafol. Ademais, en http://www.xunta.es/linguagalega/construe_os_axouxeres_connosco, os pais e nais tamén poden compartir experiencias vividas na crianza dos seus fillos, tales como cancións da súa infancia, libros singulares ou nomes cariñosos para usar cos fillos.