A área de autocaravanas de Ribas de Sil cumpre un ano
No mes de abril cumprirase un ano da inauguración da área de servizo para autocaravanas no Concello de Ribas de Sil. No seu día, os encargados de inaugurala foron a Vicepresidenta terceira e responsable de Turismo da Deputación de Lugo e deputada nacionalista, María Xosé Vega Buján, xunto co alcalde de Ribas de Sil, Miguel Sotuela. Este último valorou de xeito máis que positivo dito servizo: “A valoración é sumamente positiva. A área de autocaravanas funcionou durante o verán perfectamente, todos os días houbo autocaravanistas no pobo, e agora tamén, nos primeiros día desta primavera xa comezamos a ver movemento. Así que só podo dicir que a acollida que tivo foi moi boa”. A construcción desta área de servizo, situada nas proximidades da Praia Fluvial de San Clodio, foi financiada polo Departamento de Turismo con 24.000 euros, e ten por obxectivo prestar os servizos básicos de vaciado de augas negras e grises, o avituallamento de auga potable e a sinalización turística, a un sector do turismo cada vez máis en alza na Ribeira Sacra como é o dos autocaravanistas. Esta área de servizo sumouse así a outras xa existentes na Ribeira Sacra dos ríos Miño e Sil, como son as de Monforte de Lemos, Chantada ou A Pobra do Brollón. É de destacar tamén que na creación desta área colaborou no seu día a Asociación Galega de Autocaravanistas, aportando todo tipo de suxerencias e ideas.