O alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, informou de que son varias as obras que se estiveron a acometer nas diferentes parroquias do municipio. Así por exemplo, comezouse a segunda fase das Bernardas, á entrada de Ferreira; e tamén a de Tuiriz.
No caso de Tuiriz, “no pleno que tivemos esta semana acordouse o proxecto para o colector, e tamén están rematadas as obras en algúns puntos como a traída de auga para todas as parroquias de Vilar de Ortelle”, explicou Álvarez. Pola súa parte, entre as vindeiras obras previstas están “o saneamento en Tuiriz, e tamén está aprobada a segunda fase do saneamento en Eiré, e a maiores outra serie de obras das que máis adiante daremos conta porque xa son de competencia provincial”, engadiu o alcalde. En canto ao orzamento previsto, José Luis Álvarez explicou que para as obras de Tuiriz destinouse un total de 450.000 euros para a primeira fase, mentres que na segunda fase de Eiré investiuse un total de 300.000 euros.
Polígono industrial e vivendas sociais
O rexedor de Pantón tamén indicou que na actualidade o Concello atópase á espera de que comecen as obras no polígono industrial. “Nós temos todo preparado e só estamos pendentes da valoración final, polo que agardamos que comecen canto antes”. Asimesmo, Álvarez sinalou que xa foron enviadas as cesións dos terreos para a segunda fase das vivendas sociais. “Hai que dicir que xa están adxudicando as vivendas da primeira fase, polo que xa mandamos a dispoñibilidade da segunda fase, que en total serán 16 vivendas”.
A segunda fase chega logo de que fai uns anos a Consellería de Vivenda e Solo aprobara unha inversión de preto de 600.000 euros para comezar a rehabilitar os antigos edificios. Deste xeito, para a primeira fase reformáronse varios inmobles da rúa Escairón, que constaban de baixo e dúas prantas. No baixo construíronse prazas de garaxe e trasteiros, mentras que nas prantas superiores decidiuse habilitar oito vivendas; todas elas de algo máis de 80 metros cadrados e con tres dormitorios. Agora, quedan 16 vivendas para esta segunda etapa.