Máis información en torno á tarificación eléctrica

Trala celebración da Semana do Consumidor, a Xunta pon en marcha o programa Belenus para informar aos consumidores sobre o cambio nas tarifas eléctricas

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, durante a presentación do programa Belenus. CEI.

Redacción-Monforte

O pasado 15 de marzo celebrouse o Día Mundial do Consumidor, efeméride na que moitas asociacións de consumidores recordan o dereito básico do consumidor a estar correctamente informado sobre os diferentes produtos e servizos. Un dos servizos que demanda máis consultas por parte dos cidadáns nas oficinas de información e nas asociacións de consumidores do sur de Lugo é o referente á electricidade. Nas asociacións de consumidores e usuarios consultadas detectan que as queixas principais neste aspecto están referidas ao sistema de facturación, á estimación do consumo e tamén ao proceso de tramitación dun cambio de contrato, xunto ao descontento crecente, según os responsables das asociacións consultadas, polas medidas gubernamentais de subida da tarifa eléctrica.

Neste contexto, e durante a celebración da Semana do Consumidor, o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, presentou o programa Belenus, unha iniciativa que, segundo explicou, “ten o obxectivo de achegar á cidadanía información sobre o cambio nas tarifas eléctricas, con especial atención á Tarifa de Último Recurso, á Tarifa Social e ás tarifas de discriminación horaria, así como as vantaxes da contratación e requisitos de cada unha delas”.

Garantir os dereitos do consumidor a través da información

Na súa intervención, Javier Guerra destacou que o programa Belenus está integrado nas estratexias promovidas pola consellería de Economía e Industria a través do Instituto Galego de Consumo para “garantir os dereitos e os intereses lexítimos dos consumidores fronte a un mercado en constante cambio como é o eléctrico”. Con este fin, o programa Belenus, posto en marcha o 21 de marzo, formará de xeito específico a persoal do Instituto Galego de Consumo, das Oficinas Municipais de Consumo e das distintas asociacións de consumidores, para que, según puntualizou o responsable do departamento autonómico, “trasladen á cidadanía todos os aspectos salientables da nova tarificación eléctrica”.

Accións formativas en Monforte

Neste sentido, Javier Guerra indicou que o programa Belenus tamén se apoia nas asociacións de consumidores de Galicia, “que contarán con accións formativas do Instituto Galego de Consumo, nun primeiro momento na Coruña, Vigo, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Verín, Ribadavia, Melide, Sanxenxo, Barreiros e Monforte, nun exemplo máis de colaboración da Xunta con estes colectivos”, aos que o conselleiro calificou de “aliados naturais na nosa estratexia no eido da protección ao consumidor”.

Crítica á xestión do goberno central

Javier Guerra insistiu en que estas accións formativas estenderanse nun segundo momento a cidades como Ourense, Santiago, Lugo, Ferrol e aquelas outras localidades nas que teñan presenza asociacións de consumidores.

Na súa intervención, o conselleiro de Economía e Industria destacou “o compromiso da Xunta de Galicia cos consumidores galegos no eido enerxético e en especial cos problemas derivados da tarificación eléctrica, que se teñen multiplicado toda vez que o goberno central non amosa disposición algunha a tratar de solucionar os problemas de miles de cidadáns galegos, ignorando as peticións das distintas comunidades autónomas”. Javier Guerra insistiu na crítica ao goberno central pola súa xestión da problemática da tarificación eléctrica, calificando de “baleira de contido” a Conferencia Sectorial de Consumo promovida polo Ministerio, e na que, según o conselleiro, “rexeitouse a miña solicitude expresa de tratar a problemática dos usuarios da Tarifa de Último Recurso, á que están acollidos a meirande parte dos consumidores galegos”. O conselleiro de Economía e Industria aproveitou para suliñar a actitude do seu departamento, que ven de solicitar, co aval do Consello Galego de Consumidores, “manter o límite dos 10 kw contratados para a aplicación da Tarifa de Último Recurso, establecer criterios obxectivos e automáticos para a actualización de dita tarifa que en ningún caso supoñan incrementos superiores ao IPC, e manter a actual conxelación da tarifa para os colectivos máis vulnerables, eliminando ademais a recarga por exceso de consumo vixente para eles”, explicou o conselleiro.

Necesidade de accións formativas dende as administracións

Javier Guerra rematou a súa exposición das características do programa Belenus de información aos consumidores recordando que a Xunta de Galicia tiña proposto ao goberno central “que se leve a cabo unha campaña informativa sobre a tarifa para os colectivos máis vulnerables en colaboración coas comunidades autónomas e as asociacións de consumidores”, e recalcou a súa insistencia en requerir “a eliminación do imposto especial da enerxía que pagan os usuarios en cada factura, e que foi creado no seu día para financiar o sector español do carbón”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Abaratamento das parcelas no polígono de Chantada

Seguinte Nova

A Florida, Caneda e Reigada poderán desenvolver arranxos destinados a locais sociais, vías e espazos deportivos

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

     
A %d blogueros les gusta esto: