Presentado o plan estratéxico do Impulsa Lugo

• O proxecto recolle medidas a oito anos, con especial atención á innovación e á internacionalización • Inclúe entre os sectores estratéxicos o vitivinícola, servizos á terceira idade e as enerxías renovables • Define como sectores emerxentes a ecoinnovación, o turismo e a intermodalidade dos centros loxísticos, entre outros

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo saúda ao alcalde de Lugo, López Orozco, na presenza dos conselleiros Alfonso Rueda e Javier Guerra, antes da presentación do Plan Estratéxico do Plan Impulsa Lugo. GPXG.

Redacción-Monforte

O pasado 25 de marzo tivo lugar no Salón de Actos da delegación territorial da Xunta en Lugo a presentación do Plan Estratéxico do Plan Impulsa Lugo. Este acto abriuse coa intervención de Raquel Arias, delegada territorial da Xunta na provincia, que recordou que “toda a sociedade lucense está reunida aquí”, xa que o Plan Impulsa Lugo “foi promovido por empresarios e sindicatos, financiado pola Xunta de Galicia e desenvolto por unha mesa de traballo”. Arias calificou o plan estratéxico do Impulsa Lugo como “unha ferramenta fundamental para a diagnose económica lucense”, cuxo obxectivo é “corrixir o enorme desequilibrio entre a provincia de Lugo e as provincias atlánticas”.

Participación dos sectores sociais e empresariais, e do conxunto do goberno

A continuación, Gustavo García, representante da consultora Deloitte, adxudicataria dos traballos de elaboración, implantación e seguemento do Plan Estratéxico, declarou que para a realización deste estudo fora preciso “baixar á terra” para determinar as 86 propostas que sustancian dito Plan. García destacou a fórmula de traballo que deu lugar a este proxecto, sumatorio da “axuda dunha consultora, a opinión dos axentes económicos e sociais e un plan de goberno”, onde aludía ao feito, destacado por García, da participación de todas as Consellerías na elaboración deste Plan.

Histórico dos pasos da Comisión impulsora do Plan

O responsable da Comisión Impulsora do Plan Impulsa Lugo, Jesús Pernas, aproveitou a súa intervención para facer un histórico dos pasos seguidos pola comisión mixta integrada pola Cámara de Comercio de Lugo, e os sindicatos UGT, CCOO e CIG para o esbozo do Impulsa Lugo, partindo do feito de que a baixa renta per capita da provincia podería facela beneficiaria dunhas axudas específicas. Pernas recordou que, tras diversos contactos da Comisión cos alcaldes da provincia e coa Xunta, finalmente se presentaba agora, logo de 18 meses de medidas transitorias, o Plan Estratéxico “que foi encargado para analizar vías de desenvolvemento para a provincia”. Jesús Pernas declarou que con este Plan Estratéxico “comeza o primeiro tempo deste proxecto de longo prazo”, en alusión aos 8 anos nos que está dimensionada a implantación das medidas detectadas no estudo, e que, según Pernas, “requiren traballo constante e sostido no tempo”.

Determinación de sectores con potencialidad de desenvolvemento

Na súa intervención, o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, fixo unha descripción pormenorizada das características do Plan Estratéxico do Plan Impulsa Lugo, logo de recordar que a “reactivación económica da provincia levará a unha comunidade unida e equilibrada”. Guerra describiu como “tendencia positiva” os resultados económicos dos 18 meses de aplicación das medidas transitorias do Plan Impulsa Lugo dende a súa presentación, e afirmou que “Lugo é por fin unha prioridade do goberno de Galicia”. Así, Guerra informou de que nese periodo o IGAPE viña de conceder ata un 270% máis de préstamos, e que a liña de grandes investimentos promovida polo organismo autonómico crecera un 75%, e tiña recibido un 77% máis de peticións de inversións nestes meses. O conselleiro de Economía e Industria salientou que estes datos “confirman que existen potencialidades reales de inversión nesta provincia”, aínda que insistiu en que as medidas desenvoltas ata o día presente eran “previas a este Plan de longo alcance”. Javier Guerra pormenorizou as liñas estratéxicas do Plan, así como a identificación dos sectores estratéxicos, tanto os xa existentes como os de nova implantación. Así, o Plan destaca o potencial de desenvolvemento de sectores implantados como a acuicultura, a silvifloricultura, a industria de alimentación funcional (onde se integra a agricultura ecolóxica, a nutracéutica e o packaging), o sector vitivinícola, os servizos, equipamentos e insumos da terceira idade, e as enerxías renovables (industria auxiliar eólica, servicios medioambientais, biomasa e bioetanol, e enerxía marina). Como sectores novos ou emerxentes con potencial de desenvolvemento, o Plan Estratéxico do Impulsa Lugo sinala á biotecnoloxía (fitosanitarios, bioveterinaria e biotecnoloxía agrícola), o turismo (enoturismo, patrimonio para uso hotelero, balnearios e golf), as TICs, os centros loxísticos e a intermodalidade, e a ecoinnovación.

Balance e obxectivos do Impulsa Lugo

Pola súa parte, o conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, lembrou na súa intervención que o Impulsa Lugo supuxo a creación e mantemento de 400 postos de traballo na provincia, así como un investimento xerado de 122 millóns de euros, e calificou este Plan como un “proxecto conxunto da Xunta de Galicia”. A intervención do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pechou a presentación do Plan Estratéxico do Impulsa Lugo, facendo referencia á “destrucción do tabique imaxinario que illou a esta parte de Galicia”, e falou de “reconstruir a confianza, xa que Galicia confía en Lugo, e Lugo confía en si mesma”. O presidente autonómico entrou a resaltar as cifras contempladas neste Plan, segundo as cales a Xunta vai reservar como mínimo un 15% do Fondo Emprende de Capital Risco para a provincia de Lugo, e dará un 10% máis de apoio aos proxectos de creación de novas empresas que se enmarquen nos sectores estratéxicos determinados no Plan. Deste xeito, Feijóo recordou que o IGAPE garantirá un mínimo dun 30% para as pymes, e un 25% para as empresas medianas, o que supón un incremento, segundo o titular autonómico, de 10 e 5 puntos, respectivamente. Feijóo rematou a súa intervención destacando que “Lugo é un gran activo de Galicia”, polo que “corresponde apoialo con novas oportunidades”, onde destacou, xunto ao propio Plan Impulsa Lugo, as “novas posibilidades económicas do Porto Seco de Monforte” e a mellora tecnolóxica que supón a implantación do Plan de banda larga.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Florida, Caneda e Reigada poderán desenvolver arranxos destinados a locais sociais, vías e espazos deportivos

Seguinte Nova

Orzamentos aprobados en Monforte con críticas á Xunta, e polémica en torno aos bombeiros e a recollida do lixo

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: