XVI Feira de San Lázaro de Antigüidades e Restauración de Sarria
Redacción – Sarria
Sarria quere facer do sector das antigüidades e da restauración unha gran oportunidade económica de futuro partindo da súa tradición. Con esta idea, anticuarios e Concello pecharon os detalles da que será a súa décimo sexta Feira de San Lázaro de antigüidades e restauración, que terá lugar os vindeiros 2 e 3 de abril no clásico escenario da Rúa do Porvir.
Hai escasos días os sarrianos espertaban coa nova de que o municipio será sede dun Centro de Referencia de Antigüidades e Restauración grazas a un proxecto europeo vinculado ao Eixo Atlántico e encamiñado ao desenvolvemento do denominado Eixo Interior. O apoio do Eixo a esta iniciativa busca o desenvolvemento das cidades medias e do interior da Eurorexión. Trátase, ao fin e ao cabo, de incrementar a competitividade das empresas emprazadas na Galicia do interior e próxima a Portugal , xerar novas iniciativas emprendedoras e establecer unha estrutura de cooperación entre ámbolos dous países no eido das antigüidades e a restauración, e cunha continuidade no tempo.
Conexión con Portugal
Aínda que tocado pola crise económica, o sector das antigüidades logra aproveitar as sinerxias da Feira e preséntanse como un campo de notable importancia na comarca. Este é o motivo que o fai converxer co norte de Portugal, onde existe unha ampla tradición neste sector que pode eriquecer o intercambio de experiencias e actividades transfronteirizas. Tal e como se explicou na reunión mantida nos pasados días en Sarria entre representantes municipais e do Eixo, o Centro de Referencia de Antigüidades e Restauración que se proxecta para o municipio terá como cometido esencial o desenvolvemento de actuacións de promoción e revalorización do sector dirixidas a toda a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Queda moito traballo e moito investimento polo medio, pero o obxectivo é que este centro remate por converterse nun elemento clave para a atracción de masa crítica, profesionais e coleccionistas interesados na compravenda de antigüidades, e se inicie como unha experiencia que poida levarse incluso a outras rexións. Unha das primeiras acccións previstas é a realización de estudos dos mercados de antigüidades e do seu potencial económico. Para isto, as entidades e negocios locais atoparán asesoramento neste Centro de Referencia co fin de unificar e cumplir criterios de calidade para desenvolver esta idea. Por outra banda, organizaranse obradoiros para afeccionados e profesionais destinados a crear interese e ampliar o público obxectivo no sector. Na axenda deste ambicioso proxecto está anotada para o ano 2012 a realización dunha feira do sector a grande escala que englobe toda a rexión de Galicia e Norte de Portugal. Pero as novas infraestruturas traspasan tamén as fronteiras municipais, e prevén a creación dun Centro Promocional de Produtos Tradicionais no Barco de Valdeorras e un Centro de Promoción do Mercado Tradicional en Barcelos (Portugal), cun investimento previsto de 1,3 millóns de euros.
A feira do futuro
Todo isto arrecende a un certo revulsivo para Sarria, e dende o goberno local xa se vislumbran importantes cambios que farán que a deste ano sexa a última feira de antigüidades de similares características. Así o afirma a concelleira de Turismo, Paula Vázquez, implicada directamente na organización da feira da man do sector anticuario da vila. Vázquez reafírmase na idea de que “non se trata tanto de facer unha feira de grandes dimensións, senón de tender cara á calidade e á especialización, e aínda que non sabemos todo do novo proxecto, estamos case seguros de que o próximo será un formato completamente diferente”, apunta.
Pero por diante queda aínda unha nova edición dun evento que nesta edición non experimentará cambios, acostumada á exitosa fórmula clásica na que cada anticuario achega a súa visión e a súa mercadoría dun xeito singular. Este ano, a rúa do porvir encherase de novo de renovadas vellas xoias.
A crise e as modas obrigan á continua renovación no sector dos anticuarios
A concelleira de Turismo, Paula Vázquez apunta na liña de que os novos proxectos van dar moita enerxía e van completar o comercio cunha especialización e profesionalización no eido do oficio da restauración grazas ás actividades formativas que se impulsarán. A edila confía ademais na importante tradición da comarca no eido non só das antigüidades, senón do mobiliario. Dende o punto de vista dalgún dos propietarios “é importantísimo que o Concello pensara neste sector, pero os profesionais temos que implicarnos en conxunto e coidar moito a nosa imaxe para que os proxectos acaden éxito”.
Os anticuarios en tempos de crise, e a necesidade de estar en Internet
Pero aínda que a recuperación e o relanzamento dos anticuarios se poden ver con optimismo dende as administracións e con esperanza dende o sector, o certo é que, tal e como apunta unha das anticuarias de Sarria, Carmen Rodríguez, “o clima non é o mellor posible, e existe unha certa preocupación a raíz da crise”.
Actualmente o sector está a facer algún esforzo para manterse no ritmo de hai uns anos, pero parece que o feito de vender produtos únicos fai que quen os queira, vaia en busca deles.Para anticuarios como Carmen Rodríguez, hoxe en día a principal arma de traballo é internet, pois no seu caso é a que permite manter un certo volume de negocio. “O comercio a través da rede abre a fiestra a moitos clientes”, comenta a empresaria, que recoñece que os anticuarios de Sarria “acusamos a crise, coma todos”.
Feira con público especialista, incluso do extranxeiro
San Lázaro é para moitos un evento de ocio, pero non están ausentes os profesionais e coleccionistas que acuden para atopar pezas e incluso se interesan pola feira semanas antes da súa celebración. Para gran parte dos propietarios de negocios de antigüidades, trátase dun acto plenamente consolidado, tamén polo feito de celebrarse sempre nas mesmas datas. Son moitos os fieis ao evento, incluso algún que chega do extranxeiro.
Os vendedores de antigüidades non dubidan do éxito da feira, sobre todo no que se refire á realización de contactos e relacións profesionais, pero intoducirían complementos e novidades co fin de non caer na monotonía. Entre as ideas que achegan para mellorala está a de organizar actividades paralelas como conferencias, expositores, intercambios con outras rexións, iniciativas para introducir aos escolares, ou a realización de visitas guiadas aos establecementos (moitos deles con moita historia) por parte de personal preparado durante os días da feira.
A demanda
Ademais da presenza de obxectos e mobiliario relacionado coa etnografía, que merece un capítulo importante na mostra de Sarria, segundo relata Carmen Rodríguez, actualmente existe unha importante demanda de obxectos pequenos, “é o que máis saída atopa nos últimos tempos”. Sen embargo, a venda de mobiliario de primeira necesidade segue a ter o seu peso no volume de negocio pese á crise. Coma en todo, tamén nas antigüidades existen as modas, e a xente máis nova busca moito o mobiliario dos anos 50. O vintage está en auxe, e o mobiliario de autor mantén o seu interese neste ámbito. A crise e as modas tamén obrigan á renovación nunha tenda de antigüidades, aínda que semelle unha paradoxa, afirma a anticuaria. Nembargantes, o auxe do rústico e o rural fai que este tipo de obxectos e mobiliario sempre teñan saída e sexan un clásico nas tendas e nos almacéns dos anticuarios sarrianos, en moitos casos especializados unicamente neste estilo. Pero o caso é que “hoxe hai que tocar un pouco a todo para poder sobrevivir”, sentenza Carmen, quen algún día só viu futuro na especialización, para a que agora di que “non é o momento”.
2 e 3 de abril: dous días para curiosear e adquirir obxectos e mobiliario antigo na rúa do Porvir
A pesares de que ao peche desta edición aínda permanecía aberta a inscrición para participar na feira, confírmase a presenza dos comerciantes e algúns chegados dende outros puntos. As carpas e as tendas ofrecerán aos visitantes unha multiplicidade de produtos e estilos, e a feira estará aberta dende as 11,00 deica as 20,00 horas tanto o sábado 2 coma o domingo 3 de abril. Este ano invístese no evento organizado polo sector e o Concello máis de 20.000 euros, e grazas á integración de Sarria na asociación de municipios Galicia Interior, a vila recibirá a visita dunha delegacion dos municipios de Monforte de Lemos e O Barco de Valdeorras.
Exposición de obxectos vinculados ao mundo do viño e da etnografía
Moitos anticuarios manteñen, ano a ano, a súa presenza na mostra aportando algunha singularidade e aires novos. O tempo apremia e hai que aportar ideas, polo que algúns propietarios, como Carmen Rodríguez, están a últimar pequenas exposicións dentro da carpa, na que destaca unha relacionada con obxectos de etnografía, xa que “á xente resúltalle divertida esta temática, e hai un crecente interese por este tipo de produtos”. Rodríguez levará á carpa da feira nesta ocasión pezas de mobiliario e produtos vinculados á cultura do viño, dentro da temática etnográfica. Este tipo de obxectos están bastante demandados hoxe en día por parte de particulares, e non é doado adquirilos, a pesar de que lugares como Francia seguen sendo, segundo indican os especialistas, un lugar rico en recursos anticuarios de todos os estilos.