O arranxo e acondicionamento de fontes e manantiais é unha demanda constante por parte dos veciños das parroquias do rural soberino. A recuperación destes elementos capta investimentos por parte de diversas administracións, e xa se teñen acondicionado fontes en diversos puntos con cargo ás tarefas do obradoiro de emprego, e tamén dos plans de comunidades veciñais promovidos pola Deputación de Lugo.
Investimento en Sober
Os veciños botan man agora dos fondos Leader para ir completando o seu obxectivo de recuperación. Nos pasados días o GDR-Ribeira Sacra aprobou, nunha reunión da xunta directiva, dúas novas actuacións para o municipio soberino encamiñadas a poñer en valor o contorno da fonte pública e lavadoiro da Mina. Nestes traballos, propostos polo Concello de Sober, investiranse un total de 4.775 euros, dos que arredor do 70% do custo será financiado polo Leader.
Unha actuación similar será a que se realice no contorno da fonte pública e lavadoiro de Eireos, a carón da igrexa parroquial. Neste caso o investimento ascende a 14. 500 euros dos que o programa de fondos europeos Leader xestionado polo Grupo de Desenvolvemento Local Ribeira Sacra achegará a mesma porcentaxe do 70%.
As cifras do GDR
Co visto bo dos últimos proxectos, serán un total de 41 os expedientes xa aprobados polo GDR Ribeira Sacra. Os que teñen a aprobación suporán un investimento total de 3.511.695 euros, contando cun importe de subvención de 1.446.230, e con aportacións privadas que acadan os 2.065.465 euros. Ate o de agora estes proxectos suporán a creación de 25,25 postos de traballo e a consolidación doutros 51,13 de xeito directo.