Fernando Fernández, pedáneo de Piñeira: “O máis gratificante para min é o momento de unidade que vivimos os veciños”
Fernando Fernández é o Pedáneo da parroquia monfortina de Piñeira. Despois de oito anos no cargo fai balance positivo, lembrando algúns dos mellores momentos e tamén dos peores vividos na parroquia. Agora, pensando xa en retirarse do seu cargo, destaca a unidade conseguida entre os veciños, e asegura que son moitas as cousas que lle quedaron pendentes por facer.
Cumpre vostede oito anos xa como Pedáneo desta parroquia.
Pois sí, xa fai oito anos que me presentei e saín elixido, e despois nas seguintes eleccións outra vez volvín a saír elixido, e nada, aquí estamos. Pero bueno, cumprido este tempo agora sí que é o momento de que entre outra xente a relevarnos.
Quere dicir que é o momento de retirarse?
Sí.
Por que? Foi un traballo duro? Cal foi a súa función durante este tempo?
Traballo duro non, pero bueno, creo que xa é o momento de deixarlle paso a outros. E a miña función foi un pouco a de axudar todo o que se puido tanto no pobo como na propia Administración, pasando as cousas da Administración ao pobo, e dos veciños á Administración. E bueno, hai que dicir que ser Pedáneo sí dá traballo, porque nunha parroquia como é a de Piñeira, que é a máis grande que ten o concello de Monforte, evidentemente ás veces surxen pequenas dificultades que, ainda con todo, ao final vanse solventando pouco a pouco.
É complicado solventar os problemas? Como se toman as decisións?
Bueno, en primeiro lugar teño que dicir que sempre se funciona da man da asociación de veciños, colaborando con eles. E logo, é nas propias reunións que facemos tanto o Pedáneo como a asociación, onde van surxindo os temas para facer propostas, para comentar as necesidades e as solicitudes dos veciños, e ás veces tamén os pequenos inconvintes como os medioambientais e outras cousas que vaian surxindo. Despois, os asuntos tratados nesas reunións trasladámolos a quen corresponde. Entre esas cuestións atópase a construcción dun paso inferior en Piñeira, debido ao trazado da ronda urbana.
En que punto está o tema?
Este xa non é un problema recente, é un problema que se ven arrastrando dende que se presentaron as alegacións ao proxecto en sí. Agora, esperamos que o alcalde nos bote unha man para intentar resolvelo e a ver se así, dunha vez por todas, conseguimos que pase por debaixo en vez de por encima, porque cremos que entre ver un paso elevado e ver un paso inferior, no elevado aseméllase máis a unha barreira, mentres que un paso inferior non, nin impacta visualmente nin medioambientalmente. Polo demáis xa expuxemos todo, e temos claro que dende a alcaldía neste caso, hai boa sintonía con Severino en relación ao tema, así que de momento estamos esperando.
Tamén fai pouco tempo que pediron a limpeza do río.
Sí, iso pediuse a través do propio Concello, e supoño que o Concello no seu día tamén o transmitiu á Confederación, e supoño que están niso. Pero bueno, hai que pensar tamén que fai falla que veña unha empresa para meterse no río e sacar a madeira como se fixo xa anteriormente. Vamos, que dá o seu traballo.
Outro dos temas máis recentes é o da cesión de terreos para o paseo peonil da antiga N-120.
Sí. En canto a ese tema a nós explicousenos todo perfectamente, e creo que en Piñeira tampouco houbo ningún problema ao respecto. É que ademais a nós pareceunos unha obra que vai quedar moi ben, así que houbo bastante consenso, incluso en cousas importantes dentro da exposición que fixo o alcalde en relación a eses terreos. O que non sei é como están funcionando as cousas agora mesmo, porque teño entendido que nalgunha outra parroquia sí hai problemas para ceder terreos.
Deixando a un lado as cuestións máis recentes, que foi o mellor e o peor destes oito anos?
Partindo do feito de que eu involucreime neste proxecto sen ningún tipo de ánimo de lucro, o mellor é ver que se fixeron cousas novas na parroquia e que se resolveron problemas. Ademais eu creo que neste intre estamos vivindo un moi bo momento de unión entre os veciños, e dende logo iso é o mellor e o máis gratificante. E en canto ao peor, para min foi o momento do trazado da A-76, porque foi moi tenso cunha parte da parroquia. Tivemos que sometelo a votación, porque eu non tiña clara outra alternativa máis que facelo desa maneira, e claro, iso foi o peor, porque houbo xente á que non lle gustou, pero bueno, eu entendíaos perfectamente porque pasaba polos seus solos. E bueno, iso foi o peor.
Foi complicado compaxinar a vida privada con ser Pedáneo?
Pois para unha persoa coma min que é autónoma, que ten a súa propia empresa, pois sí. Ás veces sí foi complicado compaxinar todo, porque nestas cousas hai días que moi ben, e hai outros que igual non che cae nada ben atender certos asuntos, pero tes que ir igual e ao mellor desatender a túa empresa. Pero bueno, foi levadeiro.
Queda coa sensación de deixar proxectos pendentes?
Sempre quedan temas pendentes. A verdade é que me gustaría facer moitas cousas. O que pasa é que primeiro tería que ter a capacidade económica e política para conseguilas, ou polo menos para conseguir algunhas máis. Así que pendentes sempre quedan moitas cuestións, sobre todo en zonas coma estas do interior, nas que levamos moitos anos traballando debido a que estamos semiabandonados polas administracións.
Con todo isto e despois de oito anos, que balance fai?
Positivo. Por encima de todo, o balance sempre é positivo.