Reivindicación dun ente xestor e licitación das obras na 1ª fase

Redacción – Monforte
Na segunda quincena de marzo, o porto seco de Monforte de Lemos recuperaba actualidade da man dun comunicado emitido polo comité sectorial da zona sur da Confederación de Empresarios de Lugo, no que se reclamaba a “urxente necesidade” de dar os primeiros pasos para a creación dun órgano xestor que “estableza as fórmulas máis adecuadas de xestión, desenvolvemento, promoción e publicitación da plataforma loxística” de Monforte. No mesmo comunicado, o comité sectorial da zona sur da CEL lembraba o “espíritu de entendemento” que se percibira durante a última xornada sobre o futuro desta plataforma, que reuniu en Monforte a representantes do Ministerio de Fomento, da Xunta de Galicia e das autoridades portuarias de Galicia e norte de Portugal, e ofrecía a súa colaboración para a creación de dito ente xestor.
O concello de Monforte apoia a creación dun ente xestor
Posteriormente, o Concello de Monforte facía pública a súa adhesión a esta petición do comité sectorial da zona sur da CEL, xa que considera a creación dun ente xestor como a “fórmula máis axeitada para promover, desenvolver, difundir e xestionar o porto seco de Monforte”. Nese sentido, o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, lembrou que dende a entidade municipal “sempre se apostou pola estreita colaboración de tódalas institucións, á marxe e tendencias políticas e ámbitos de actuación, como premisa fundamental para sacar adiante un proxecto de gran envergadura e notable trascendencia para o desenvolvemento da comarca”.
Severino Rodríguez reiterou o compromiso de colaboración do concello de Monforte, e reclamou o mesmo posicionamento das demais administracións “coa finalidade de poñer en marcha un órgano xestor que propicie que o porto seco comece a ser unha realidade para o futuro económico e empresarial de toda a zona sur da provincia de Lugo”.
Plan económico do porto seco de Monforte
Días despois, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, presentou no Parador de Monforte o plan económico da plataforma loxística. Neste acto, no que estiveron presentes o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, o director xeral de Mobilidade, Miguel Rodríguez Bugarín, e o director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Antonio Boné, o conselleiro adiantou que a primeiros de abril estarían licitadas as obras de construcción da primeira fase do porto seco, cun investimento total de 5,5 millóns de euros.
Segundo explicaron os responsables autonómicos, a primeira fase do proxecto ocupará unha extensión de preto de 130.000 metros cadrados dun total de 307.053 m² de superficie que terá a nova área loxística e intermodal. Os usos proxectados para a superficie que se vai urbanizar inclúen solo empresarial, que ocupará uns 54.000 m², divididos en cinco zonas, así como unha zona de equipamento de 20.000 m², unha zona verde de 44.615 m², o espazo para a plataforma intermodal, con 5.134 m², e 7.980 m2 destinados a viais e aparcadoiros. Ademais, os responsables do proxecto explicaron que a zona da rede viaria que conectará coa estrada Monforte de Lemos – límite da provincia de Ourense (LU-933) e a N-120 Ponferrada-Vigo tamén será urbanizada, o que suporá unha extensión de 28.687 metros cadrados. Asimesmo, informaron de que o financiamento da actuación será asumido pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo, e a empresa pública Xestur Lugo será a encargada de executar as obras. En canto ó plan de negocio da plataforma loxística, Agustín Hernández sinalou que “demostra que o proxecto é unha iniciativa con viabilidade e especialmente interesante para o progreso da Terra de Lemos”. Neste documento sinálanse unha serie de actividades e factores de interese como os tráficos de mercadorías por estrada, ferrocarril e marítimos, a conectividade terrestre, con especial atención ferroviaria, os tráficos captables, e o tecido empresarial. Hernández anunciou que a Xunta liderará unha acción de difusión e comercialización do porto seco, un obxectivo no que espera contar “coa total colaboración e participación dos responsables municipais”, e declarou que o porto seco de Monforte poder ser “a porta de Galicia no transporte de mercadorías nun futuro moi próximo”.
1 millón de euros en axudas para a habilitación e mellora das infraestruturas nos parques empresariais de titularidade municipal
A Consellería de Economía e Industria que dirixe Javier Guerra vén de habilitar unha partida orzamentaria dun millón de euros, que pode ser ampliable, dirixida aos concellos de Galicia co obxectivo de habilitar e mellorar as infraestruturas nos parques empresariais de titularidade municipal. Os responsables autonómicos pretenden con esta actuación que os 70 parques empresariais de titularidade municipal consigan a incorporación de máis dun cento de novas empresas. A orde recolle que serán obxecto destas axudas actuacións como a dotación de servizos centralizados de xeración de enerxía eléctrica e térmica. En relación a este punto, o director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, aproveitou a presentación destas axudas para “animar aos concellos a que aposten pola xeración distribuída, porque é necesario que o consumidor da enerxía sexa capaz tamén de producila, por isto queremos que os nosos parques empresariais empecen a estar dotados de fontes de xeración de enerxía eléctrica e térmica de carácter renovable”. Asemade, a orde tamén contempla apoios para investimentos en depuración de augas e xestión de residuos, viais de acceso aos parques empresariais, instalacións de sistemas de seguridade e vixiancia, instalacións de telefonía ou portais web de uso común. A contía das subvencións para os concellos será do 80% do investimento subvencionable até un máximo de 200.000 euros.
Tahoces salientou que en Galicia existen un total de 70 parques empresariais de titularidade municipal que albergan unhas 5.000 empresas e que presentan un índice de ocupación dun 85%”, e adiantou que estas axudas poden supor a incorporación e captación dunhas 125 novas empresas. A Consellería de Economía e Industria considera necesario pór en marcha estas axudas “para mellorar as infraestruturas dos parques empresariais para evitar o seu deterioro e afrontar cambios que lles permitan unha actualización permanente para gañar competividade”.