Exhibición de Pedro Burgo nas Xornadas Guímaras

O clube de Brollón saiu un ano máis a limpar os montes e celebrou a súa tradicional añada

Un momento da exhibición que realizou Pedro Burgo polas rúas de Pobra de Brollón. MV

Redacción – Monforte

O Club Guímaro Motor, da Pobra de Brollón, ven de organizar as Xornadas Guímaras 2011. Segundo explicou o seu presidente, Manuel Valcárcel, foron dúas xornadas con diferentes plantexamentos. A primeira delas tivo lugar o sábado día 12 e deu comezo ás catro da tarde no parque Sanugueiros. “Fixemos grupos con todos os voluntarios presentes para saír a facer limpeza nos montes da zona. Empezamos ás catro, saímos a recoller lixo e de paso estivemos toda a tarde ruteando á vez que limpando algún punto que xa tiñamos concertado co Concello”. É de destacar que nestas labouras colaborou a concellería de Medio Ambiente, que puxo ao dispor do clube un tractor con remolque para depositar nel todo o lixo recollido, encargándose posteriormente eles do seu traslado ao vertedoiro. Para rematar o sábado, unha vez finalizada a recollida, os participantes celebraron a xa tradicional añada; unha degustación de años asados ao estilo arxentino que tivo lugar na Casa da Cultura.

Mentres tanto, o domingo día 13 celebrouse a denominada Añada Racing 2011, unha xornada que comezou ás nove e media da mañá coa saída de todo os vehículos participantes (motos, quads, e outros) dende o parque de Sanugueiros, e que percorreu camiños e pistas forestais do arredor, pasando por sitios singulares como Salcedo, Paramedela, O Mazo, Parada dos Montes ou Carballal. Xa á metade da xornada houbo tempo para uns pinchos campestres. Unha vez rematada a ruta, o domingo tamén houbo un xantar de confraternidade. “A ruta que fixemos o domingo polo monte xa a tíñamos previamente marcada. Nela participaron preto de 95 vehículos, e unha vez que chegamos de volta a Pobra comemos todos xuntos na Casa da Cultura e organizamos unha serie de sorteos con case 1.000 euros en agasallos para todos os participantes”, explicou Valcárcel. Para rematar con estas xornadas, o clube contou coa exhibición dun amigo, o piloto de rallies campión galego e nacional Pedro Burgo, que saiu ás rúas do concello no seu coche.

“Tamén hai que dicir que en total, a actividade do sábado contou coa participación dunhas 50 persoas na recollida de lixo, e despois o día da ruta, o domingo, un total de 96, así que en toda a fin de semana xuntamos preto de 150 persoas”, indicou o presidente do clube. Ademais, na celebración das xornadas contouse co apoio da Agrupación Local de Protección Civil e a asistencia sanitaria dun médico, así como coa colaboración do Concello, da Concellaría de Cultura e Deportes de A Pobra do Brollón e a Área de Cultura e Deportes da Deputación para a exhibición automovilística de Pedro Burgo.

Manuel Valcárcel quixo subliñar a importancia que ten para o clube unha actividade como a recollida de lixo; “a intención é a de limpar un pouco tamén esa imaxe que temos de que contaminamos moito, e de paso limpamos os montes”. A día de hoxe o clube conta con 193 socios que xa están a preparar a próxima actividade, unha ruta semellante á “Guímaro-Astur”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Presentado o programa de celebracións en Monforte do Día das Letras Galegas

Seguinte Nova

Presentación en Monforte do libro de Antón Patiño «Lois Pereiro.Radiografía do abismo»

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: