Na súa visita a Monforte, Besteiro destacou a inversión de case 4 millóns de euros na cidade do Cabe en iniciativas para a creación e mellora de servizos, así como a xeración e mantemento de postos de traballo
Redacción-Monforte
O presidente da Deputación provincial, José Ramón Gómez Besteiro, achegouse ata Monforte fai uns días para, ademais de pechar mediante a sinatura de tres convenios con colectivos veciñais as novas actuacións que executará a institución neste municipio, manter un encontro cos doce traballadores da administración local que están a participar no curso Comunicación e Protocolo. Trátase da terceira edición desta xornada que organiza a Deputación na provincia, impartida polo xefe deste servizo no organismo provincial, Juan Carlos Pulpeiro. Dito curso xa se desenvolveu en Lugo e Viveiro. Agora, celébrase na cidade do Cabe co obxectivo de que o persoal da administración teña as mesmas oportunidades de participar nunha xornada moi demandada, centrada na correcta organización de actos institucionais. É ademais, un dos máis de 60 cursos que conforman o plan de formación da Deputación.
Activación do emprego a través do Km0, Lugo Emprega e a firma do convenio con Pacadar
Durante a súa visita, Besteiro tamén avanzou que o investimento da Deputación en Monforte acada xa os cinco millóns de euros. Unha serie de investimentos que “respostan ademais á creación de emprego neste municipio”. Deste xeito, cos máis de 200.000 euros do Lugo Emprega, o organismo provincial contratou a 30 persoas, mentres que cos cursos do Pacto Provincial polo Emprego que acolle a cidade do Cabe insertarase laboralmente a outras 40. A maiores, o programa de Empresa e Sucesión Familiar contribuíu ao mantemento de doce negocios monfortinos; e o Km0 ten como provedores hostaleiros e comerciantes da zona que reciben todas as semanas novos clientes.
Asimesmo, para a xeración e o mantemento de emprego en Monforte e comarca, dende a Deputación déuselle o impulso necesario a unha das operacións máis importantes para a creación de emprego, como foi a consecución da instalación da fábrica de Pacadar na cidade do Cabe. Isto suporá a creación de preto de 100 novos postos de traballo directos, e outros indirectos na provincia.
Durante a súa visita a Monforte, o presidente do organismo provincial tamén lembrou que “nun momento no que o sector da construción está a sufrir as consecuencias da crise, a aposta da Deputación pola obra pública foi esencial para manter e crear postos de traballo; de tal xeito que tan só en Monforte, o organismo provincial achegou outros 2 millóns de euros para o acondicionamento de máis de 70 kilómetros de estradas provinciais e municipais”.
Pacto polo Emprego
Ainda que xa comezara, nunha das súas visitas tamén foi Besteiro o encargado de inaugurar de forma oficial os cursos do Pacto Provincial polo Emprego que se están a desenvolver na cidade. O obxectivo deste Pacto é o de dar formación a máis de 500 desempregados da provincia naquelas materias que se supoñen contan con mellores perspectivas laborais. No caso da vila monfortina, o que está a impartirse trata sobre os servizos de restaurante, que contará con 620 horas de duración. Máis adiante tamén se levará a cabo outro de atención sociosanitaria en institucións, con preto de 500 horas de formación. Pola súa parte, en Chantada xa deu comezo tamén un curso de atención sociosanitaria a domicilio, dotado con 640 horas de formación. A modo xeral, dende que comezaran os distintos cursos na provincia xa son 287 persoas as que están a participar dende o 9 de marzo no programa que se está a desenvolver en distintas vilas lucenses.