Valoración do proxecto de encauzamento dos ríos no casco urbán: os sarrianos opinan
O PROXECTO DOS RÍOS, A DEBATE
A comezos do mes de febreiro tivo lugar en Sarria a presentación do Plan de encauzamento dos ríos Sarria e Celeiro ao seu paso polo núcelo urbán. O proxecto, que conta cunha inversión total de 20 millóns de euros (dos que a Confederación Miño-Sil aportará o 70%), supón a actuación nun tramo de 3,5 kilómetros na marxe do río Sarria, e nun tramo de dous kilómetros no río Celeiro, co obxectivo de solventar as inundacións producidas polas intensas choivas mellorando a capacidade de desaugue. Os desastres naturais están á orde do día, sen embargo, a problemática de Sarria radica, segundo explicou no seu día o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Liñares, na localización do núcelo urbán sobre unha chaira aluvial de ámbolos dous ríos, así como nos diversos obstáculos situados nos cauces, tales como pontes e azudes, entre outras invasións do dominio público hidráulico. No plan presentado, e polo que se preguntou aos veciños nesta enquisa, contémplase a execución de actuacións preventivas, correctivas e complementarias; así como a ordenación e protección das marxes dos ríos Sarria e Celeiro. Deste xeito, entre as operacións a levar a cabo atópanse algunhas como a construción de motas para deixar o río máis baixo, a eliminación dalgunhas pontes e a construción doutras novas, e a reposición de servizos, xunto á creación de estancias e zonas de disfrute.
«A verdade é que non coñezo o proxecto para nada. Nin tan sequera oín falar del. E polo que me explicas, na miña opinión non me incumbe para nada. Sí son de Sarria pero, total, malo será que se inunde o municipio, así que non estou moi ao tanto do proxecto e das remodelacións que queren facer.»
Alicia Rodríguez – En excedencia
«Pois non sei exactamente os detalles do proxecto nin o que pode cambiar. Pero en principio véxoo ben, porque claro, agora que construíron onde non debían, que lle vamos a facer. É algo necesario antes de que cada vez que chova se nos inunden os garaxes. Sempre pasa o mesmo.»
«A min paréceme moi ben, todo o que sexa prosperar está ben. Bueno, e se fai falta tirar pontes pois por que non, xa farán outras para o seu lugar que sexan necesarias. E, bueno, igual tamén se construiu onde non se debía, pero agora que xa está feito pois haberá que darlle unha solución, paréceme a min.»
«Non teño nin idea, non estou enterado de en que consiste o proxecto. Pero polo que me contas paréceme ben, de feito creo que debería estar feito antes, pero bueno, é o que hai, é política. O que non sei é si se podería ter evitado todo isto, tratando de non construir ao mellor onde non se debía.»