A figura do poeta monfortino Lois Pereiro, máis preto da xuventude
Redacción – Monforte
Espectáculo, música, encontros, murais e fotografía son algunhas das propostas deseñadas dende o Concello de Monforte para lembrar a figura do poeta Lois Pereiro, escritor natural da cidade e homenaxeado na edición deste ano do Día das Letras Galegas. Esta consideración foi destacada durante a presentación do programa de actos por Alicia Cadarso, concelleira de Cultura, quen lembrou o feito de que unha obra poética escasa debido á prematura morte de Pereiro sexa recoñecida deste xeito pola Real Academia da Lingua Galega fala por si mesma da calidade deste corpus poético.
UNHA “GRANDE OPORTUNIDADE PARA MONFORTE”
O rexedor local, Severino Rodríguez, calificou de “moi boa noticia” a elección do finado poeta monfortino como figura homenaxeada na festa do idioma galego, xa que supón “unha grande oportunidade para a cidade”, e un recoñecemento de que Monforte conta con personalidades moi destacadas nos diversos eidos sociais e culturais. Logo de lembrar a figura e a traxectoria de Lois Pereiro, Severino Rodríguez apuntou que o programa de actos en homenaxe á súa figura foi consensuado coa familia do poeta, e deseñado co obxectivo de pór en valor a súa obra poética e facela chegar a “todos os ámbitos da sociedade”.
LOIS PEREIRO PARA A XUVENTUDE DE MONFORTE
Durante a presentación do programa de actos de celebración do Día das Letras Galegas, que contan co patrocinio da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, a concelleira de Cultura, Alicia Cadarso, declarou que Lois Pereiro continúa na memoria de moita xente, pero que a mocidade non o coñeceu, de aí que dende o goberno municipal se teña pensado na xuventude como público obxectivo de toda esta programación. Os actos deseñados en homenaxe ao poeta monfortino iniciaranse no mes de abril, cunha intervención pictórica programada pola Concellería de Xuventude para principios de mes, e que consistirá na realización dun gran mural adicado a Lois Pereiro na rúa Santiago. Xa o 28 de abril, desenvolverase o espectáculo “Mundolois”, escrito por Antón Reixa sobre textos de Lois Pereiro, e interpretado por Lino Braxe e Antela Cid. Segundo explicaron os responsables da programación, este espectáculo trátase dunha viaxe polo mundo de Lois a través da súa poesía e vivencias. A partir de abril e durante todo maio, poderá participarse na exposición “Camiño do futuro libremente”, un percorrido pola vida de Lois Pereiro e unha viaxe visual ao Monforte da súa época. Asimesmo, o 10 de maio terá lugar unha xornada-encontro coa xuventude ao redor de Lois Pereiro, coa participación de Manuel Rivas, José Manuel Pereiro e Antón Patiño. Este encontro literario está dirixido ao alumnado dos institutos de ensino secundario de Monforte, e, segundo os responsables do programa, tamén contará cunha actuación musical.
CELEBRACIÓNS NA RÚA, ACTOS LITERARIOS E PLACA CONMEMORATIVA NA CASA DO POETA
As rúas volverán a ser protagonistas desta celebración o día 14 de maio, cando se celebre un maratón de lectura de poemas de Lois Pereiro na Praza de España e na rúa Cardenal. Este evento, organizado pola Concellería de Xuventude, contará con diversas actuacións musicais paralelas. Asimesmo, os barrios serán o escenario de momentos musicais con este motivo durante as festas patronais de agosto, que tamén adicarán o seu espazo a Lois Pereiro durante a celebración da Feira do Libro de Monforte. Pola súa parte, a cidade acollerá a presentación dos libros que, co gallo da homenaxe do Día das Letras Galegas a Lois Pereiro, se teñan publicado neste ano en torno á figura e á obra do poeta monfortino. Asimesmo, o Concello de Monforte anunciou que está prevista a colocación dunha placa conmemorativa na casa do escritor.
Finalmente, Alicia Cadarso explicou que a situación de crise económica reducira o programa de actos, e destacou a participación activa do Concello no acto central que organizará a Real Academia Galega o día 17 de maio en Monforte. Neste sentido, a concelleira de cultura suliñou que o Concello se puxera a disposición da Real Academia para todo o que fora necesario en canto á organización do acto previsto para o día 17.