O próximo venres 8 de abril, ás 20 horas, terá lugar na Casa da Cultura de Monforte de Lemos a presentación do libro «Lois Pereiro. Radiografía do abismo», de Antón Patiño. O pintor monfortino achégase nesta obra á figura do poeta homenaxeado no Día das Letras Galegas, achegamento que Patiño realiza dende moi distintas perspectivas. Mergullándose na poesía e nos ensaios de Pereiro, Antón Patiño fai unha análise en profundidade da súa aportación literaria, ao tempo que debulla o contexto da vida e obra do poeta monfortino coas influencias musicais e cinematográficas, centrándose na importancia da cidade de Monforte de Lemos na traxectoria do escritor de «Poemas de Amor e Enfermidade, 1992-1995».
Na presentación do libro «Lois Pereiro. Radiografía do abismo» intervirán Antón Patiño, autor, e o editor Miguel Anxo Fernán Vello, xerente do selo Espiral Maior.