25 millóns de euros de remanentes para sanear as contas e acometer novas actuacións

A Deputación de Lugo ven de aprobar no pleno, cos votos en contra do Partido Popular, a proposta de adxudicación de remanentes por valor de 25 millóns de euros presentada polo equipo de goberno, e que permitirá sanear as contas públicas e acometer novas actuacións. Neste senso, o presidente da institución provincial, José Ramón Gómez Besteiro, sinalou que o presuposto é “o resultado da boa xestión económica”. “Comezamos sendo a primeira Deputación galega en aprobar un plan económico-financieiro que asegurase o equilibrio presupostario, e rematamos o primeiro mandato cunhas contas saneadas a pesar da situación económica actual, sendo capaces de aforrar e dispoñer hoxe destes remanentes a pesares de ter que pagar o canon hidroeléctrico ou os parques de bombeiros”.

Pola súa parte, é de destacar que entre outras cousas, as partidas dos remanentes van dirixidas ás transferencias a SUPLUSA por valor de 4,3 millóns de euros, dos cales un millón de euros está destinado á adquisición dos terreos necesarios para a implantación en Monforte de Lemos da nova factoría de Pacadar. Segundo explicaron no seu día os socialistas monfortinos, a instalación da nova fábrica de Pacadar na cidade do Cabe vai a supoñer a creación de 100 postos de traballo directos e moitos máis indirectos. Pola súa banda, a superficie que vai a ocupar a empresa é de máis de 100.000 metros cadrados, e a compra dos terreos xa está practicamente rematada. Asimesmo, a ubicación desta empresa no polígono industrial de O Reboredo suporá a ampliación case ao dobre do mesmo na marxe esquerda da carretera, así como a ampliación e a mellora da estrada de acceso ao polígono industrial dende a N-120, cuxas obras están preto de ser rematadas. Para o presidente da Deputación, tal e como explicou na súa visita á cidade, a instalación de Pacadar en Monforte ven a supoñer “un antes e un despois no desenvolvemento do polígono, nas súas comunicacións e, sobre todo, na creación de emprego como primeiro paso para que a xente de Monforte que queira traballar na cidade poda facelo”.

Por outra parte, dentro dos 4,3 millóns de euros das partidas dos remantes dirixidas ás transferencias a SUPLUSA, atópanse 1,2 millóns de euros para a creación dunha residencia con centro de día na Pobra do Brollón, e 2,1 millóns de euros para a construción do centro da terceira idade da Fonsagrada.

Pleno da Deputación no que se aprobaron os remanentes. DL

Reparto de marquesiñas

Dentro da liña de cooperación cos Concellos, a Deputación de Lugo ven de realizar o reparto das 125 marquesiñas que serán instaladas en distintos municipios da provincia. Deste xeito, na comarca e arredores, ao concello de Bóveda correspóndenlle dúas, ao de Chantada cinco, ao de Monforte de Lemos tamén cinco, en Pantón instalaránse tres, no de Pobra de Brollón dúas, en Quiroga catro, no concello de Ribas de Sil tres, no municipio de Sarria cinco, e en Sober dúas. Con anterioridade, os Concellos fixeron as pertinentes solicitudes, priorizándose dende a Deputación a instalación nas estradas da rede viaria provincial e nos espazos públicos urbanos. É preciso ter en conta que se trata dunha liña de colaboración que está destinada a todas as entidades locais, agás á de Lugo por ser o municipio que conta co maior número de habitantes e con máis posibilidades orzamentarias. A instalación das mesmas lévase a cabo, entre outros motivos, porque moitas das actuais presentan deficiencias e son practicamente inutilizables. Ademais, en moitos lugares nos que se ubican, estas son empregadas como lugares de reunión e de encontro das persoas maiores.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Un jardín para pensar y disfrutar

Seguinte Nova

Todo listo en Sober para a XXXI Feira de Amandi

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: