No ano no que se lle adica o Día das Letras Galegas ao poeta monfortino Lois Pereiro, o Concello de Monforte ten programadas unha serie de actividades para a súa celebración. Unha delas é a mostra que xa pode visitarse na Casa da Cultura durante todo este mes de abril e ata o vindeiro 31 de maio; e coa que se pretende dar a coñecer o lado máis persoal do poeta. Deste xeito, a relación do poeta coa cidade do Cabe é a principal protagonista desta exposición, que ante todo pretende ser interactiva. Tanto é así que se divide en varios espazos. Un deles é “O poeta en Monforte”, no que se recollen as imaxes que reflicten momentos da vida de Lois na súa cidade natal, e espazo no que tamén se pretende que os visitantes interactúen coas imaxes axudando a identificar ás persoas que aparecen nas fotografías a través de comentarios escritos en post-its. Noutro dos espazos, “Diapositivas”, atópase un proxector que amosa de xeito continuo imaxes da fotobiografía do poeta. Son preto de cen fotografías que fan un percorrido circular polas súas diferentes etapas vitais.
Na sección “Obra literaria” inclúese un panel informativo sobre a produción literaria do poeta, xunto aos seus ex libris e unha instalación formada por unha selección de copias dos seus libros, poemas e artigos, pendurando do teito. Finalmente, en “Curtametraxe” reprodúcese a cinta Valle de lágrimas, do ano 1986 e na que aparece Lois Pereiro; mentres que en “Audio”, dous equipos de música permiten escoitar o último recital de Lois no café Moka de A Coruña, ademais dunha selección dos seus poemas musicados tales como “Outro poema de amor” de Manu Clavijo, “Contra a morte o amor que vai comigo” de Alexandro González, “Furia” de Nación Reixa, “Narcisismo” de Radio Océano, ou “Postpunkdeirada” de Fanny e Alexander.
A mostra pode visitarse libremente de luns a domingo en horario de once da mañá a unha do mediodía, e de cinco da tarde a dez da noite. Asimesmo, tamén se realizan visitas guiadas, nas que para poder participar só é preciso chamar por teléfono ao número 982 404 404.