Máis de 50 postos na IX Feira Medieval de Monforte

A Feira Medieval consolídase como un evento moderno que recupera o pasado monfortino. Arquivo EC

O Concello de Monforte celebrará a novena Feira Medieval o vindeiro sábado día 23 de abril e contará coa presenza de cincuenta e cinco postos ou paradas, dous dos cales corresponden ás actividades de tiro con arco e cetraría. Na súa presentación, a Vicepresidenta Terceira da Deputación de Lugo, María Xosé Vega Buján, explicou que o seu departamento hai catro anos que financia a realización de actividades que teñen forte ligazón co turismo, e que a Feira de Monforte “é, sen dúbida, un atractivo turístico en plena Semana Santa”. Comentou así que “aproveitando a Semana Santa agardamos contar con grande afluencia de público, e dende a Deputación debemos aproveitar estas coxunturas porque benefician a toda a Ribeira Sacra”.

“Máis éxito cada ano porque hai máis sectores implicados”

Pola súa parte, a concelleira de Cultura, Alicia Cadarso, sinalou que “a Feira ten gran poder de convocatoria, algo que é moi positivo porque atrae a moitos visitantes, beneficia a todos os concellos da comarca e beneficia tamén aos artesáns da zona como colectivo”. Cadarso tamén apuntou que o modelo da feira será semellante ao de outros anos porque ten éxito, e agradeceu a implicación dos hostaleiros e dos artesáns ao mesmo tempo que convidou a todos os cidadáns a facer un esforzo en relación á vestimenta e aderezo dese día, así como a degustar os menús que ofrecerán bares e restaurantes da cidade. Asimesmo, a concelleira de Cultura agradeceu o patrocinio da Vicepresidencia Terceira da Deputación, Área de Turismo, e lembrou que “a Feira ten maior éxito cada ano porque hai máis sectores que se implican no seu desenvolvemento, tal e como ocorre este ano coa hostalería e cos establecementos da noite”.

Actividades para todos os públicos

Pola súa parte, Pilar Rodríguez Gonda, artesá e responsable da organización do mercado, agradeceu ao Concello e á Deputación o esforzo por dar continuidade á Feira Medieval e dixo que dende as dez da mañá, hora na que se abren as paradas, e ata a noite, haberá actividades para todos os públicos. “Un dos obxectivos que temos dende hai anos é o de implicar aos hostaleiros coa realización de tapas por exemplo, e este ano conseguímolo”, engadiu.

Ambiente medieval durante todo o día

En canto ao programa, ás dez da mañá comezará a festa coa apertura polas rúas Bailén, Santo Domingo, praza de España, rúa do Comercio e praza Doutor Goyanes de paradas de artesanía, comidas, bebidas, etc. Xa ás doce do mediodía terá lugar a inauguración na praza de España. Durante todo o día o mercado estará animado por espectáculos de maxia, malabares, xigantes, fauno e músicos, a cargo do grupo Troula. Pola súa parte, as paradas de tiro e de cetraría situaránse no adro da Régoa durante toda a xornada, mentres que os talleres e xogos infantís estarán ubicados na praza de España. Pilar Rodríguez tamén destacou que este ano haberá dous obradoiros, “un de lá e outro de destilación de esencias; ademais, na praza de España estará ubicada unha parada de traxes para alugar”. Finalmente, ás dez da noite está prevista a subida dende o Campo da Virxe cara o Palacio Condal do Parador con fachos e música de percusión que acompañará a todos os que desexen participar na cea medieval, previa reserva.

Máis de 40 hostaleiros e festas sorpresa nos pubs

Á presentación da Feira Medieval tamén acudiu Beatriz Vila, da asociación de hostaleiros, e quen agradeceu que o Concello contara con eles para este evento. Destacou así que “participarán máis de corenta establecementos de hostalería que estarán decorados para a ocasión e nos que se ofrecerán almorzos, tapas, menús e ceas; e a maiores, os pubs da rúa Duquesa organizarán festas sorpresa ao longo desa noite”. Pola súa parte, o custe total da Feira Medieval ascende a 19.000 euros, aportados pola Vicepresidencia Terceira, Área de Turismo, da Deputación Provincial.

Concurso de debuxo medieval

Por último, tamén hai que lembrar que os traballos seleccionados de entre os participantes no concurso de debuxo da Feira Medieval poden verse nunha exposición sita no Edificio Multiusos dende o 5 de abril e ata o vindeiro 5 de maio. A exposición confórmana, ademais dos nove debuxos premiados, outros 120 traballos seleccionados.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Curso de cata de viños galegos e viaxes ás feiras do viño

Seguinte Nova

Arturo Ceide: O pintor do viño

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: