Pasos cara ás municipais

Severino repite como candidato en Monforte

Acto de presentación de Severino Rodríguez como candidato do BNG á alcaldía de Monforte. BNG

O pasado sábado día 26 de marzo tivo lugar a presentación de Severino Rodríguez, actual alcalde de Monforte, como candidato do BNG ás vindeiras eleccións. O acto celebrouse no Edificio Multiusos, que rexistrou un cheo absoluto.

Pola súa parte, durante o seu discurso Severino asegurou que “de repetir a maioría, Monforte sairía gañando”. Asimesmo, fixo balance dos últimos oito anos de goberno e tamén valorou as expectativas e os retos a afrontar no caso de repetir mandato. Tal e como xa indicara nunha entrevista tempo atrás, o candidato sinalou de novo que o obxectivo será o de repetir os resultados acadados fai catro anos, cun proxecto do que forma parte un grupo de xente. “E entre os principais retos atópanse os de contruir espazos de solo industrial para traer novos inversores e crear emprego, a posta en marcha do porto seco e das súas infraestruturas, afianzar a Monforte como punto de referencia turístio e centro importante de comercio, e logo seguir traballando nos servizos sociais.”

O PP sondea as impresións dos veciños de Monforte

A candidata do Partido Popular á alcaldía de Monforte, Julia Rodríguez, o voceiro municipal, Manuel López Eiriz, e o presidente provincial, José Manuel Barreiro, fixeron un primeiro balance das reunións mantidas cos veciños e algúns colectivos sociais e económicos para pulsar as súas inquedanzas de cara á vindeira cita electoral. Segundo indicaron, “o emprego, as deficiencias no funcionamento e dotación de servizos básicos, e as obras de mellora e ampliación de rúas e beirarúas” foron algunhas das reivindicacións recollidas polos populares nas xuntanzas mantidas ata o momento por barrios e parroquias, e das que, sinalaron, “tomaron boa nota”. Asimesmo, criticaron a “actitude interesada e partidista” da plataforma en defensa da sanidade, á que acusaron de seguir creando alarma entre os veciños, “cando en realidade están a facer un debate ficticio, porque nin se pechou o Hospital, nin perdeu autonomía”.

Presentación oficial do PSOE en Monforte

Acto de presentación de José Tomé como candidato do PSOE á alcaldía de Monforte. PSOE

Os socialistas de Monforte, afiliados e simpatizantes acudiron o pasado sábado día 2 de abril á presentación oficial do candidato do PSOE, José Tomé Roca, para os vindeiros comicios; un acto ao que tamén asistiu o presidente da Deputación de Lugo, entre outros, e que se celebrou no restaurante Don Manuel ante centos de persoas. No seu discurso, Tomé destacou a súa candidatura como “paritaria e cremallera, co mesmo número de homes que de mulleres, formada por 17 titulares e 10 suplentes”. Pero unha vez máis, destacou especialmente o tema do emprego. Así, facendo alusión ao peche de empresas durante os últimos anos, explicou que a única solución “é traer empresas e crear emprego, posto que se hai empresas hai emprego, hai soldos, hai ingresos económicos, capacidade de gasto, medra o comercio, medra a economía e medra polo tanto o concello”. Con estas palabras o candidato socialista non desaproveitou a oportunidade para lembrar aos presentes o seu compromiso con Pacadar. “Por primeira vez en máis de 30 anos vaise a instalar unha gran empresa en Monforte, o que supón a creación de máis de 100 postos de traballo directos e moitos máis indirectos”, sinalou. Finalmente, Tomé destacou outros retos a conseguir, de gañar as eleccións municipais, tales como o Plan Xeral de Ordenación Municipal “que aínda está sen facer”, grandes infraestruturas como a A-76, a variante da Alta Velocidade Ourense-Lugo, a Vía de Alta Capacidade de Nadela-Sarria-Monforte, o Porto Seco, ou a residencia da Chacinera.

Independentes Terra do Asma: Varela encabeza a candidatura chantadina

Acto de presentación de Manuel Varela como candidato, e tamén do partido Independentes Terra do Asma en Chantada. SN

Independentes Terra do Asma, encabezados polo ex alcalde do PP, Manuel Varela, presentouse en sociedade fai unhas semanas. Para Varela, un acto sen dúbida “sorprendente en canto á asistencia de público”.

Agardaban esta acollida?

Non contábamos con tanta afluencia, así que contentos polo éxito. Había 184 sillas e estaban todas ocupadas, pero é que un compañeiro contou a xente que había de pe, e en total na sala xuntamos a máis de 250 persoas.

Isto quere dicir que contan co respaldo da xente?

Antes de lanzarnos a isto xa fixéramos unha serie de reunións polas parroquias, e moita xente díxonos que era necesario que nos presentáramos ás eleccións. Así que decidimos tirar para adiante. Nós o que queremos é traballar, e para iso vamos a poñer toda a carne no asador e a seguir falando coa xente. E bueno, se non nos fallan creo que vamos a ter un bo éxito.

Entón poden gañar as eleccións?

Hai compañeiros que falan mesmo de maioría absoluta, pero eu digo que hai que poñer os pés na terra. O que temos que facer é traballar e olvidarnos de números. Si despois somos capaces de convencer á inmensa maioría cun programa asequible, pois daremos a sorpresa, e bueno, as expectativas nós vémolas moi favorables.

De non obter a maioría absoluta, uniríanse a outro partido?

Primeiro decidirán os cidadáns. Logo nós o que estamos é en condicións de falar con todo o mundo, e sobre todo con aqueles que teñan un proxecto claro para Chantada e que estén dispostos a traballar polos veciños. Ademais a nosa relación é boa con todos os grupos.

Cales serán os seus retos?

Entre outras cousas, o emprego, e provocar o asentamento de empresas no polígono, e a modificación do PXOM.

Aniversario político en Sarria

Celebración do 80 aniversario da agrupación sarriana. GC

A agrupación socialista celebrou a finais do mes de marzo un acto en Sarria para conmemorar o 80 aniversario do nacemento da agrupación sarriana. Nela participaron Claudio Garrido, alcalde e candidato á Alcaldía de Sarria; Ricardo Varela, Secretario Provincial do PSdeG; Francisco Caamaño, Ministro de Xustiza; Paula Vázquez, Secretaria, e ex-secretarios da Agrupación Local de Sarria, ademais de numerosos militantes e veciños.

Durante o acto, Claudio Garrido foi o encargado de relatar o nacemento da agrupación, subliñando o traballo e o esforzo dos socialistas sarrianos durante toda a súa historia. Garrido entregou ademais unha placa como homenaxe a Pilar (filla de Emilio Mougas), por traballar en defensa dos dereitos dos galegos, pola xustiza e pola liberdade, e por propagar as ideas socialistas.

Pola súa banda, o Secretario Xeral do PSOE lucense Ricardo Varela, asegurou que a bandeira tricolor pertence á Historia de España, xa que foi refrendada democraticamente polos cidadáns deste pais. Asimesmo, o Ministro Francisco Caamaño dixo sentirse “orgulloso” por estar presente no acto e por celebrar 80 anos de socialismo en Sarria, e asegurou que Garrido vai volver a ser Alcalde “porque é un home que cree nas persoas”.

O BNG de Brollón repite candidato

O BNG de A Pobra de Brollón celebrou una cea para presentar ao alcalde da localidade, Xosé Luis Maceda, como candidato á reelección nas vindeiras eleccións municipais, así como ao resto da candidatura. Á cea, que se celebrou nunha casa de turismo rural en Salcedo, acudiron preto de 200 persoas. No evento tamén participaron o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, a diputada Maribel Sánchez Montenegro, e o parlamentario e exconcelleiro de Industria, Fernando Blanco.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Presentación oficial do PSOE

Seguinte Nova

6 millóns para o arranque das obras do centro de recría Gayoso Castro

Últimas noticias sobre POLÍTICA LOCAL

     
A %d blogueros les gusta esto: