A SD Chantada remata a tempada con dous ascensos

Dende o clube barallan a posibilidade de crear un equipo feminino para o ano que ven

Redacción – Chantada

Plantilla da SD Chantada 2010-2011 ao completo. SD Ch

No concello de Chantada non poden estar máis satisfeitos co seu equipo de fútbol. Despois do descenso do ano pasado, esta tempada o primeiro equipo ven de ascender a Preferente, mentres que o Chantada B ascendeu a Segunda Rexional. Ademais, ámbolos dous equipos remataron a tempada como campións de liga. Así o explicou dende a directiva Xosé Manuel Aguiar: “a verdade é que o Chantada fixo unha tempada excepcional, porque xa ascendeu seis ou sete xornadas antes de rematar a liga, e ademais gañouna, ao igual que o Chantada B que tamén ascendeu e foi campión. E todo ten ainda máis mérito porque son os mesmos xogadores que o ano pasado e o mesmo adestrador”. Aguiar aproveitou a oportunidade para sinalar o feito de que no Chantada B “rexuveneceuse moito o equipo, e isto para nós é unha grande expectativa de futuro; así que todos contentos co traballo xeral dos equipos”. En canto ás categorías inferiores, Aguiar tamén destacou a boa labor realizada polos Cadetes xa que quedaron segundos empatados a puntos co primeiro e finalmente xogarán a semifinal de Copa así como a fase de ascenso á liga Galega. “Para nós todo isto é sorprendente, e estamos encantados coa participación dos xogadores e tamén coa afluencia de público. Por poñer un exemplo, nin sequera o descenso do Xuvenil B influiu na asistencia de público ao campo, mesmo hai máis xente que noutros partidos”, engadiu o directivo. Todo isto nótase na vila e no ambiente deportivo, xa que é raro que en calquera partido de calquera equipo do Chantada haxa menos de 100 persoas nas gradas. “Só por isto xa temos que dar as grazas a todos os socios e afeccionados que non deixan de apoiar ao equipo”, apuntou Aguiar.

E o respaldo é tal que dende o clube barállase mesmo a posibilidade de crear un equipo feminino. “Temos un grupo de rapazas que se preocuparon por facer un equipo federado feminino, e que vemos que teñen moitas gañas e ilusión, así que probablemente para o ano aumentemos ao equipo cun sector feminino”. E as cifras falan por sí soas, xa que os integrantes do clube en canto a xogadores rondan os 130-140 rapaces, mentres que en canto a socios os números oscilan entre os 550 e os 600 socios. “Non notamos baixada, mesmo penso que ainda debe de haber máis que o ano pasado”. Pero deixando a un lado os éxitos acadados, aogra toca mirar cara o futuro e afrontar as novas categorías. Neste senso, dende a directiva explicaron que “o principal reto será o de sempre, que entrenen, que traballen, que compitan e sobre todo que disfruten xogando. Hai que ter en conta ademais que son rapaces da zona, o 90% son rapaces de Chantada, pero os que non son daquí pertencen a sitios moi cercanos como A Barrela, Monterroso ou Taboda, así que con máis motivo deberán disfrutar”. “E se despois en Preferente ainda se acadan máis éxitos, para nós mellor, pero sempre pensando en competir ben e manter a categoría con holgura”, concluiu.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Escola de pesca na beira do Sil: Reclamo turístico e estratexia de educación ambiental

Seguinte Nova

Case 300 asociacións veciñais lucenses recibirán este ano axudas por 2,3 millóns de euros

Últimas noticias sobre DEPORTES

A %d blogueros les gusta esto: