Case 300 asociacións veciñais lucenses recibirán este ano axudas por 2,3 millóns de euros

Rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno na que se aprobaron todas as actuacións. DL

Son moitos os Concellos que non poden facer fronte a pequenas obras. Falamos por exemplo de arranxos de camiños, acondicionamento de instalacións e bens públicos, melloras nas sinalizacións viais, etc. Estas e moitas outras pequenas actuacións veñen sendo acometidas co apoio do Plan de Comunidades Veciñais que promove o goberno provincial. Neste senso, nunha das últimas Xuntas de Goberno desta entidade veñen de aprobarse as obras do Plan de Comunidades Veciñais de 2011, co que a Deputación de Lugo seguirá aumentado a cooperación cos Concellos da provincia. Deste xeito, un total de 295 asociacións beneficiaranse doutras tantas obras que se executarán ao longo deste ano cunha inversión de 3,4 millóns de euros. Desta cantidade, a Deputación achega o 67,6%; é dicir, 2,3 millóns, mentres que as asociacións veciñais, o 29% restante, un millón de euros. Con isto, o voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, subliñou na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno que “este ano adiantamos en dous meses a posta en marcha desta iniciativa porque se trata dun bo modelo para axudar aos Concellos nestes momentos nos que teñen tantos problemas de liquidez”. I é que con este tipo de obras trátase tamén de mellorar as economías locais, xa que están destinadas ás parroquias dos concellos.

Pola súa banda, en total, asociacións de todos os municipios, agás do de Rábade que non presentou ningunha, realizaron 584 solicitudes de obras, que ascenden a 5 millóns de euros. O Plan foi aprobado pola Comisión de Avaliación na que participaron os grupos políticos. Antonio Gato quixo engadir así que “dende que este equipo de goberno entrou na Deputación, por primeira vez a oposición ten a oportunidade de tomar parte na valoración. Ademais, agora as asociacións cóbrannas rapidamente, dende o momento que as xustifican; de feito, as de 2010 están todas practicamente tramitadas”. Moitas veces son actuacións que de non ser a través destas axudas quedarían sen acometer. Deste xeito, subvenciónanse pequenas obras que os Concellos non poderían realizar sen a colaboración da Deputación, como por exemplo pequenos abastecementos de auga potable, saneamentos e pavimentacións, rede de sumidoiros, alumeado público ou acondicionamento de camiños rurais sobre todo. É de destacar que as axudas que concede a Deputación para calquera das actuacións non superan os 12.000 euros, é dicir, o 75% do importe total da obra, de xeito que o 25% restante é aportado polos colectivos veciñais. Precisamente, en dita Xunta de Goberno aprobáronse nove contas xustificativas do Plan de 2010 por importe de 95.219 euros, dos que a Deputación achegou 72.823.

Outras iniciativas

A esta iniciativa súmanse outras que o goberno provincial xa ten en marcha nesta mesma liña. É o caso do Plan de Pequenas Infraestruturas para Concellos de menos de 5.000 habitantes co que, nos 54 municipios que se atopan dentro deste grupo, acometeranse actuacións por valor de máis de 1,5 millóns de euros durante este ano. O feito é que tamén en 2011, este Plan experimentou un incremento de máis do 30% con respecto a 2010, data na que a achega do organismo provincial foi de 800.000 euros. Deste xeito, a aportación da Deputación deste ano é de 1.042.307 euros, o 67,87% do orzamento total; mentres que a dos Concellos, o 32,12% restante: 493.297 euros.

Actuacións na comarca

Entre as actuacións a acomenter nos concellos do sur de Lugo, cabe destacar que no municipio de Bóveda destinaranse varias subvencións para a obra e equipamento dun parque biosaudable, para a instalación de placas solares de auga quente na asociación deportiva Club de Fútbol Bóveda, pero tamén se acondicionarán o camiño do Xunquedo e unha fonte pública. No concello de Chantada pola súa parte, máis de 33.000 euros por parte da Deputación de Lugo servirán para o acondicionamento do local social e o campo da festa da asociación de veciños de Santiago de Requeixo, de Torre de Arcos, e para o arranxo da casa escola de Sabadelle. Xa en Monforte de Lemos, as actuacións a levar a cabo grazas ao Plan de Comunidades Veciñais irán dende a pintura e sinalización vial dalgunhas rúas, ata a mellora do camiño da Recacha, pasando polas obras dos camiños A Veiga e o que vai dende A Pereira ata Cotarelo. En canto ao concello de Pantón, as principais inversións serán para edificios empregados como locais sindicais, para o equipamento de locais sociais, arranxo de fontes e tamén camiños entre outras obras. Actuacións semellantes ás que se realizarán en A Pobra de Brollón. Mentres tanto, en Quiroga a Deputación de Lugo investirá preto de 24.000 euros no arranxo de camiños e do lousado da antiga escola unitaria da asociación veciñal de Soldón, e algo máis de 7.000 euros na traída de auga potable para o monte veciñal mancomún Bustelo de Fisteus. Finalmente, entre as actuacións a desenvolver en Ribas de Sil atópanse algunhas como a reparación do tellado na igrexa de Figueiredo ou a construción dun recinto para almacenaxe de plásticos de carácter agrícola-gandeiro. Sarria, Sober e O Saviñao, contan tamén con diversas e importantes actuacións.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A SD Chantada remata a tempada con dous ascensos

Seguinte Nova

Aberto o prazo para o concurso Os Maios de Monforte

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

     
A %d blogueros les gusta esto: