Monforte acollerá o IX Congreso de Museos do Viño de España

Un evento para debatir sobre o potencial do viño e potenciar a imaxe da Ribeira Sacra

Redacción Monforte

A Vicepresidenta Terceira da Deputación, Mª Xosé Vega, e o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, na presentación do Congreso. EC

Os vindeiros 4, 5 e 6 de maio celebrarase en Monforte de Lemos o IX Congreso de Museos do Viño de España. Trátase da primeira vez que se celebra na cidade do Cabe, e tal e como indicou o alcalde da vila, Severino Rodríguez na súa presentación, “será unha oportunidade excepcional para compartir experiencias, compartir e solucionar problemas, e achegar solucións”.

O tema central proposto será “Crecer en tiempos de crisis”; co que se pretenderá “buscar novas fórmulas para intentar atraer a máis xente aos centros de viño”. Asimesmo, estudaranse extratexias para a promoción e financiación deste tipo de entidades e para o fomento do enoturismo. É de destacar que o congreso celébrase cada ano coincidindo coa asamblea xeral da Asociación de Museos do Viño de España, á que o Centro do Viño de Monforte se adheriu o pasado ano. Durante a presentación, o alcalde de Monforte non quixo pasar un dato por alto. “Este ano o Centro do Viño xa facturou a mesma cantidade que o ano pasado durante o mes de marzo, e iso que ainda non se celebrou a Semana Santa”.

Participantes nacionais e internacionais

Pola súa parte, durante eses tres días o programa acollerá sesións abertas ao público e outras que estarán pechadas aos especialistas; sen embargo, todas as conferencias poderán seguirse ao día seguinte a través de internet. A conferencia inaugural terá lugar o día 4 de maio ás seis menos cuarto da tarde no Parador de Turismo, versará sobre como vender máis e mellor as visitas enoturísticas, e estará impartida por Anthony Swift. En días posteriores sucederanse outras conferencias como por exemplo: La publicidad hoy, Redes Sociales y Museos del Vino, Ganarse al público escolar, El museo familiar y su particular financiación, El papel de los Museos del Vino en las Rutas del Vino ou La colaboración con las bodegas de la zona; así como visitas a adegas e saídas a distintas zonas vitivinícolas.

A vicepresidenta terceira da Deputación de Lugo, María Xosé Vega Buján, quen tamén presentou o congreso, explicou así que a intención é a de celebrar un congreso aberto a toda a Ribeira Sacra. “Unha das condicións que puxemos para realizar o congreso foi a de que non só se celebrasen conferencias no Centro do Viño, senon que tamén houbese saídas a outras zonas da Ribeira Sacra, visitas a adegas e casas de turismo rural ou viaxes en catamarán. E todo coa intención de potenciar e promocionar os recursos que temos nesta zona”, sinalou. “E é que este encontro non deixa de ser unha plataforma para que nos coñezan o resto de viños de Europa, así que debemos aproveitar esta oportunidade”, engadiu.

O simposio conta así co apoio da Deputación de Lugo, pero tamén da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e de varias adegas da zona. O custe total da organización oscila entre os 18.000 e os 20.000 euros.

Importancia para Monforte

Vega Buján aproveitou a oportunidade para convidar tanto ao sector privado como a todos os veciños a participar desta experiencia. “Espero e agardo que non só participen os profesionais do viño, senon todo o público en xeral, todos os veciños de Monforte, porque esta é a liña que debemos seguir para mellorar no ámbito do viño”. Pola súa parte, Severino Rodríguez rematou a súa intervención agradecendo ao Consello Regulador, ás adegas, ao Consorcio de Turismo e ao resto de implicados, “a sensibilidade que todos tiveron á hora de comprender a importancia da celebración deste congreso en Monforte, porque eses días Monforte será o centro e o punto de referencia en canto a viño en España”, concluiu. En principio, estaba confirmada a participación no congreso dalgunhas denominacións e zonas vitivinícolas máis importantes como son Rioja, Ribera del Duero, Cigales, Valencia, Alicante, Murcia, Extremadura, Manzanilla (Sevilla), Málaga, Bierzo, Museo do Cava (Cataluña), Castilla de Peralada (Cataluña), e Asturias.

Beneficios e aportacións do Museo do Viño: os monfortinos opinan

Ana Pestana –Comercial

«Para Monforte supoño que implicará atraer a máis visitantes, sobre todo iso. Un museo do viño non é habitual en todas partes, e que celebren un congreso aquí servirá para que veña máis xente, atraia ao turismo, coñezan o sitio e de paso aporten ou deixen máis cartos no pobo, que sempre se agradece.»

Nuria Cambeiro – Comercial

«Dispoñer dun lugar como é o Centro do Viño fai que a xente nova ou de fora coñeza unha alternativa máis de turismo, porque de paso coñecen o pobo e tamén a Ribeira Sacra. Vamos, eu penso que sobre todo beneficia no ámbito do turismo. E de paso poténciase un sector como é o do viño.»

Puri Gómez – Comercial

«Se se fai un congreso, basicamente servirá para atraer a máis xente, e como consecuencia para fomentar o turismo. Agora, o Centro do Viño en sí supoño que servirá sobre todo para coñecer un pouco máis sobre este sector, os viños do lugar e tamén as zonas próximas. En resumo, un aumento neste tipo de turismo.»

Lucía García – Comercial

«É interesante que celebren aquí un congreso, iso atraerá máis xente á cidade. E o Centro do Viño tamén ten que servir para acoller este tipo de eventos, non só para visitar o museo e comprar viño. Eu penso que grazas a el moita xente acaba descubrindo a Ribeira Sacra e as súas paisaxes.»

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Zoca do Espía anima o comercio local

Seguinte Nova

O proxecto da residencia de Bóveda estima xerar máis de 80 empregos directos

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: