O ano de Lois Pereiro
O poeta será nomeado fillo predilecto de Monforte e conta xa cun espectáculo propio
Redacción-Monforte
O Edificio Multiusos de Monforte acolleu a finais de abril a celebración do espectáculo Mundo Lois; unha oportunidade para achegarse á figura do escritor da cidade do Cabe ao que se lle adica o Día das Letras Galegas 2011.
Mundo Lois, que xorde dunha idea de Antón Reixa (amigo de Lois Pereiro), é un espectáculo dirixido por Lino Braxe e interpretado polo propio Lino Braxe e Antela Cid. A escenografía audiovisual do espectáculo, coproducido por Nordesía, Filmanova e Kachet, é de Manu Paz e Antón Reixa, e conta coa banda sonora de Alejandro González.
O fío conductor do espectáculo son os propios textos de Lois Pereiro na voz dun actor, unha actriz e unha escenografía audiovisiual apoiada nunha intensa e constante banda sonora, co que se pretende transmitir aos espectadores unha visión fonda, sedutora e interdisciplinar da personalidade do escritor monfortino. Dita actividade, que está dirixida a xente de todas as idades, está organizada polo Concello de Monforte de Lemos e patrocinada pola Deputación Provincial de Lugo Vicepresidencia Primeira (Cultura), formando parte dun programa de actos en homenaxe a Lois Pereiro.
Fillo predilecto
Entre eses actos atópase tamén o nomeamento do escritor monfortino como fillo predilecto de Monforte. Así, a corporación municipal ven de acordar a concesión do título de fillo predilecto de Monforte a Lois Pereiro, trala decisión unánime de todos os grupos políticos. Deste xeito, á súa familia entregaráselle un diploma e unha insignia acreditativa nun acto no que a data ainda está por determinar.
Homenaxe multimedia
Actos, homenaxes, espectáculos e recoñecementos non deixan de sucederse no ano no que se lle adica as Letras Galegas ao escritor monfortino. Tal é así que tamén a Xunta de Galicia vén de presentar na Biblioteca Pública Nodal de Lugo unha instalación multimedia sobre Lois Pereiro, que rende homenaxe ao poeta e permite achegarse dun xeito dinámico e innovador á vida e á obra do autor. As consellerías de Cultura e Turismo e de Educación e Ordenación Universitaria colaboran, xunto ao equipo de Ouvirmos, na organización desta exposición que completará ao longo de 2011 un percorrido polas seis bibliotecas nodais e os centros escolares de toda Galicia. O proxecto en sí consiste nunha instalación multimedia composta por unha pantalla multitáctil de gran tamaño, que flota horizontalmente sobre unha peana, e un muro vertical con dúas pequenas pantallas incrustadas sobre o que se desprega unha liña temporal coa vida e obra do autor. Na pantalla táctil recóllense catro apartados: ‘Fotobiografía’, ‘A voz do poeta’, ‘Xogando coas palabras’ e ‘A música’. No primeiro apartado, ‘Fotobiografía’ pode coñecerse un pouco máis sobre a vida de Lois Pereiro a través do seu álbum fotográfico familiar dende as súas orixes, a vida de neno en Monforte, a súa época en Madrid, as súas viaxes e os seus últimos anos en Galicia. Inclúe ademais un túnel do tempo, onde se pode interactuar con estas imaxes, e tamén escoitar ‘A voz do poeta’ no mítico recital do café coruñés Moka en 1996. En ‘Xogando coas palabras’ ofrécese un xogo para interactuar cos poemas de Lois Pereiro. ‘A Música’ está representada por unha selección de versos de Lois musicados por Manu Clavijo, como por exemplo ‘Outro poema de amor’, entre outros. Finalmente, o muro estático, de dous metros de alto por tres e medio de ancho, amosa unha liña temporal cos fitos principais da biografía de Lois Pereiro e textos explicativos das súas diferentes etapas vitais. Dúas pantallas incrustadas no muro exhiben de xeito continuo preto de cen fotografías pertencentes ao álbum familiar do poeta. O acto de apertura contou coa participación do director xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas, Francisco López; o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; o xornalista Xosé Manuel Pereiro, irmán do poeta Lois Pereiro, e a directora da Biblioteca Pública Nodal de Lugo, Marisol González. Foi precisamente o director xeral do Libro quen destacou a importancia de que grazas a este tipo de instalación multimedia itinerante, “temos a oportunidade de amosar nas salas das entidades públicas, centros de ensino, e en calquera outro lugar o talento deste poeta”, afirmou.