Termalismo como servizo

•Un programa permite aos lucenses maiores de 50 anos desfrutar de descontos nos balnearios da provincia • Trata de fomentar tratamentos saudables e o turismo de interior

Redacción – Monforte

Balneario de Augas Santas en Pantón. EC

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro; acompañado da Vicepresidenta Terceira, María Xosé Vega Buján; do membro do Consello Reitor do Inludes, Manuel Dacosta; e do Subdirector Xeral da cadena OCA Hoteles, Arturo Rodríguez; presentaron no balneario de Pantón o programa “Saúde e Benestar no Camiño de Santiago”. Trátase dunha iniciativa dirixida a veciños da provincia maiores de 50 anos, aos que se lles facilita o acceso aos tratamentos termais que ofrece a provincia, como unha alternativa de saúde que mellore a súa calidade de vida, potenciando ao mesmo tempo o turismo interior. Para isto, o organismo provincial subvenciona un total de 1.750 prazas nos catro balnearios lucenses situados en Pantón, Palas de Rei, Guitiriz e Lugo, así como nas 50 casas rurais máis próximas a estes establecementos, é dicir, as afincadas na Ulloa, Terras do Miño e Ribeira Sacra.

Con isto, tal e como salientou Gómez Besteiro, preténdese dar continuidade ao turimso de interior, xa que unha das principais conclusións ás que se chegou no Congreso de Turismo celebrado na Deputación, é que hai vida despois do Xacobeo; “por iso impulsamos unha iniciativa que aposta pola saúde e o benestar para reactivar a economía. Este programa está vinculado ao turismo, aos Camiños de Santiago que atravesan a provincia, e ao sector hoteleiro. En resumidas contas é unha alianza porque se ao sector privado lle vai ben, a nós tamén”.

Pola súa parte, o Subdirector Xeral da cadena OCA Hoteles, Arturo Rodríguez, quixo destacar que a iniciativa da Deputación “estimula o benestar social mediante os tratamentos termais e apoia as infraestruturas hoteleiras ao mesmo tempo que impulsa un sector como o turismo, que representa o 40% da riqueza do país”.

Rodríguez, Besteiro, Vega Buján e Dacosta na presentación. EC

Descontos

O programa “Saúde e Benestar no Camiño de Santiago” ofrece, dende o vindeiro mes de agosto e ata decembro, descontos de 34 euros por persoa nos seguintes paquetes: 6 días con 5 noites de estancia; 5 pensións completas con comidas e ceas incluídas; día de entrada domingo: cea e aloxamento; día de saída venres: almorzo e xantar; 2 técnicas de balneario durante 4 días; 1 recoñecemento médico; e, de luns a xoves: programa de animación sociocultural. En canto ás 1.750 prazas do programa, estas distribuíronse en función das posibilidades expostas por cada centro e da seguinte maneira: Balneario de Lugo Termas Romanas, 50 prazas; Balneario Oca Río Pambre, 100 prazas; Guitiriz Hotel Balneario & Golf Club, 450 prazas; Oca Augas Santas Balneario Golf Resort, 750 prazas; e Casas de Turismo Rural na Ulloa, Terras do Miño e Ribeira Sacra, 400 prazas. Pola súa banda, será no mes de xuño cando o organismo provincial abra o prazo de solicitudes para que todos os interesados poidan solicitar unha destas prazas mediante a páxina web do organismo provincial (www.deputacionlugo.org), ou ben de forma presencial no rexistro do Pazo de San Marcos. A iniciativa conta cun orzamento de 60.000 euros.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Monforte, capital das Letras Galegas

Seguinte Nova

Escola de pesca na beira do Sil: Reclamo turístico e estratexia de educación ambiental

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: