Entre as novidades, unha zona de acampada e un concerto de rock
O concello de A Pobra de Brollón celebra esta fin de semana a vixésima edición da feira do viño de Vilachá. Segundo explicou o alcalde, Xosé Luis Maceda, “trátase do vixésimo aniversario, e por este motivo agardamos que o programa elaborado sexa o suficientemente atractivo para todos”. Maceda tamén fixo fincapé na importancia de celebrar esta feira edición tras edición. “Nós seguimos celebrando esta feira porque creemos que é imprescindible para impulsar e potenciar o sector do viño na Pobra de Brollón, consideramos que é un sector estratéxico para o desenvolvemento económico, xa que cada vez estánse plantando máis viñedos e polo tanto está cobrando máis importancia e peso o sector do viño na nosa economía”, indicou. “Por outra parte, é unha feira diferente, porque nela conxúgase a paisaxe e a etnografía; porque a feira discorre nun entorno singular, que son as adegas de Vilachá, un conxunto etnográfico de gran importancia, e polo tanto, aquí conxugamos varios intereses, que non é so o tema do viño senon tamén o turismo, a gastronomía e por suposto a hospitalidade dos veciños de Vilachá. Ese é o espíritu da feira”, engadiu. Con isto, o alcalde quixo destacar varios aspectos do programa. Así, o sábado día 30 ás nove da noite haberá chourizos e viño gratis para todos os asistentes, e tamén un concerto de rock a cargo do grupo de Toñito de Poi. Xa o domingo día 1, terá lugar o pregón a cargo do presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e despois haberá un espectáculo de rúa con charanga incluída. “O resto do día trátase de degustar os distintos caldos que xa se están a producir en Vilachá, así que invitar a toda a xente a que acuda”, apuntou o alcalde. Este ano ademais haberá unha zona de acampada libre, e como ven sendo habitual, controis preventivos de alcoholemia. Na feira do viño de Vilachá participan tres adegas da Denominación de Orixe, e outras seis ou sete que son adegueiros con medios artesanais.