A Xunta porá en marcha un programa de medidas para aumentar o prestixio social do galego

Redacción-Monforte

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, durante a presentación do balance das actividades da Xunta de Galicia na promoción da lingua galega en 2010. SXPL.

O aumento do prestixio social do galego será un obxectivo prioritario na política lingüística da Xunta de Galicia para o 2011. Durante a presentación do balance de actividades que o goberno autonómico ven de desenvolver o ano pasado no eido da promoción do idioma galego, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, adiantou que nos próximos meses o seu departamento porá en marcha un programa que busca “avanzar na calidade da lingua”, co obxectivo de “favorecer un maior uso, máis proactividade, máis funcións e máis coidado para o idioma”, o que suporá, segundo destacou Anxo Lorenzo, “máis prestixio para o galego”.

FOMENTO DA CALIDADE NOS USOS ORAIS DO GALEGO, E NOVAS FERRAMENTAS INFORMÁTICAS

Durante a súa exposición, o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta explicou que estas iniciativas servirán para traballar a calidade na forma e tamén a calidade na aprendizaxe da lingua galega. Con estas dúas premisas, o departamento dirixido por Anxo Lorenzo presentará proximamente un amplo programa de formación, e centrará as estratexias de promoción “nos usos orais de calidade”, como “aspecto fundamental para o futuro do galego e para o mantemento da autenticidade lingüística”. Nesta liña de dotación de recursos, o titular de Política Lingüística adiantou a próxima presentación “da locución dun amplo vocabulario da lingua galega”, nun proxecto en colaboración co Instituto da Lingua Galega, así como a posta a disposición da cidadanía de novas ferramentas informáticas para reforzar a corrección da lingua escrita.

DINAMIZACIÓN DA LINGUA GALEGA NO EIDO EMPRESARIAL, FAMILIAR E INSTITUCIONAL

O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Anxo Lorenzo, destacou que a dinamización do idioma galego no ámbito socioeconómico será outra das liñas principais de actuacións do seu departamento para 2011. Co fin de avanzar nesta dirección, Lorenzo anunciou para os vindeiros meses a posta en marcha dun plan de actuación no espazo das empresas para favorecer a progresiva incorporación da lingua galega como un elemento de referencia na responsabilidade social corporativa. Asimesmo, o departamento dirixido por Anxo Lorenzo segue a traballar na promoción do uso do galego no ámbito doméstico, con iniciativas para alentar a transmisión interxeracional do noso idioma. Neste sentido, o programa Axóuxeres, xa en marcha e dirixido aos cativos e ás súas familias para promover o uso do galego dende o nacemento e durante as primeiras etapas da vida, adquirirá unha nova dimensión audiovisual, para o que a secretaría xeral contará coa colaboración da Televisión de Galicia. Por último, Anxo Lorenzo destacou a importancia da aposta da Xunta de Galicia “polo apoio transversal e decidido” das institucións” para lograr “novos avances efectivos na dinamización do uso do galego”. O secretario xeral explicou que ese era o camiño no que traballan a Rede de Dinamización Lingüística e a Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, que o seu departamento activará este ano en colaboración coas universidades galegas para favorecer a promoción do uso do idioma desde o espazo académico.

BALANCE 2010: FORMACIÓN, INVESTIGACIÓN, PROMOCIÓN NO EXTERIOR E ENTRE OS MÁIS NOVOS

Por outra banda, o secretario xeral de Política Lingüística presentou a publicación que recolle o balance das iniciativas desenvolvidas por este departamento autonómico durante o pasado ano, e que supuxeron a posta en marcha de máis de 100 medidas do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG). Na súa exposición, Anxo Lorenzo destacou a creación da Rede de Dinamización Lingüística como unha das principais iniciativas levadas a cabo pola secretaría xeral en 2010, co obxectivo de instaurar un sistema de xestión lingüística planificado e coordinado desde o ámbito local. Ademais desta tarefa de relación institucional cos concellos e con outras entidades con responsabilidade en promoción da lingua galega, a secretaría xeral desenvolveu o ano pasado unha intensa actividade de difusión e promoción social do galego. Así, durante 2010 ofrecéronse máis de 300 cursos Celga e de linguaxes específicas para favorecer a competencia en galego entre a poboación adulta, así como diversas medidas de apoio e reforzo a iniciativas para promover o galego entre as franxas de idade máis novas. As liñas de traballo deste departamento autonómico no 2010 incluíron ademais a difusión no exterior da lingua galega a través, sobre todo, dos centros de estudos galegos, e a tarefa de investigación lingüística, impulsada polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e no marco de colaboración coa Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Fomento institucional do comercio electrónico en Monforte

Seguinte Nova

Julia Rodríguez sitúa a aposta polo sector primario entre as súas promesas electorais

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: